Laura Titimoki publica 'Ata 10', un libro ilustrado cunha historia didáctica e divertida para os máis pequenos
Por Anxo Lourido
Laura Titimoki é unha moza ilustradora galega, que reside nun espazo rodeada de natureza e que publicou neste 2020 o seu primeiro álbum ilustrado co título 'Ata 10', un traballo arroupado pola Editorial Galaxia que está destinado especialmente a menores con idades comprendidas entre tres e cinco anos.
Esta premiada creadora, colaboradora coas súas viñetas en PontevedraViva, está aformarse en O Garaxe Hermético, a escola profesional de Banda Deseñada de Ilustración, que dirixe Kiko da Silva en Pontevedra. A través desta entrevista, Laura Titimoki relata a súa experiencia con esta primeira obra publicada, as súas influencias, curiosidades e proxectos.
Laura, antes de nada, explícanos por que utilizas o pseudónimo de "Titimoki"
Cando empecei a ilustrar quería asinar con algo que resultase recoñecible e orixinal. Actualmente hai varias debuxantes de cómic e ilustradoras con traballos fantásticos que se chaman igual que eu e o meu apelido é bastante común. Así que decidín utilizar Titimoki para asinar os meus debuxos.
Fuches xa premiada en varios certames, explícanos que foi fundamental na túa vida para decidirche en ser unha ilustradora profesional.
Antes de empezar a ilustrar fíxeno escribindo. Foi por mor dun exercicio de clase cando estaba a estudar Educación Infantil, un profesor preguntoume se algunha vez me presentara a algún concurso literario ou se mo expuña. No seu momento quedei bastante estrañada, porque eu nunca mo propuxo, pero a verdade é que aquilo resultou un punto de inflexión para min.
Presenteime a un concurso de microrelatos organizado por Zoom Pontevedra e resultei gañadora cunha pequena historia ambientada nas vacacións de verán. Por mor diso animeime a presentarme a algún outro. Resultei finalista nun par de concursos, como o de Amnistía Internacional de Vigo. O último ao que me presentei foi o Certame Nacional de Relato Vigo Histórico, onde a miña historia "Son Duque pero vivo como un rei" resultou seleccionado e foi publicado nos recompilatorio "Relatos na rúa do 2018".
Despois ocorreu coa ilustración. Cando escribo gústame omitir información relevante porque xa estou a idear como poñela na ilustración, son dúas formas de crear a mensaxe que non quería separar. Penso en ambas as cousas como un todo. Polo que decidín aprender ilustración de forma profesional.
Como está a resultar a túa experiencia en O Garaxe Hermético? Como é o proceso de aprendizaxe?
Agora mesmo estou a cursar o último ano do curso profesional de cómic e ilustración e o curso de creación literaria e Ilustración. Na escola os profesores prepárannos para desenvolvernos ante un encargo real, a manter un estilo propio e sacarlle partido. Son profesionais que viven disto e saben do que falan.
Como xorde a oportunidade de publicar 'Ata 10', nunha editorial tan importante como Galaxia?
A verdade é que agradezo moito a confianza depositada en min pola editorial. Era a miña primeira publicación e o editor arrisca moito ao decidirse a publicar a alguén sen experiencia. Envieilles o proxecto e reunímonos para charlar sobre el. É unha sorte comezar publicando cunha editorial como Galaxia.
E que quixeches contar en 'Ata 10'?
Tiña moitas ganas de facer algo para os máis pequenos. Centreime en escribir unha historia divertida, pero cun punto didáctico. É unha historia escrita en verso, en maiúsculas, para facilitar a lectura aos primeiros lectores. En canto á ilustración tiven claro desde o primeiro momento que tiñan que ser personaxes que resultasen facilmente interpretables polos máis pequenos.
Supoño que terás diferentes motivacións, que é o que che inspira á hora de elaborar unha páxina ou mesmo unha viñeta?
Coas viñetas algunhas veces unha conversación, as noticias de prensa, un lugar… Adoito coller o lapis e comezar a facer bosquexos ata que atopo algo que me gusta e suxire unha idea. Cando ilustro un texto, aboceto as imaxes que a propia historia me evoca.
Titimoki: "De pequena adoraba Astérix e Obélix, sabíame os diálogos de memoria, miraba os seus cómics antes de saber lelos"
Moitas veces utilizas como personaxes a animais. Por algunha razón? E tamén son habituais as referencias a outros autores gráficos como Uderzo ou Peyo, por que?
Encántame utilizar animais porque me resulta interesante mesturar o seu mundo co noso, e usar as nosas semellanzas e diferenzas para crear metáforas. Cando escribes ou debuxas, creo que sempre o fas en base ao que consumiches e eses eran os debuxos da miña infancia. De pequena adoraba Astérix e Obélix, sabíame os diálogos de memoria, miraba os seus cómics antes de saber lelos. Supoño que esas referencias se van almacenando nalgún lugar.
Cales son as túas influencias?
É difícil de responder porque a lista podería ser moi longa. En canto a literatura infantil xuvenil sempre me gustaron Roald Dahl, Gloria Fuertes ou Beatrix Potter. E en canto a ilustración e o mundo do cómic, Ana Juan, Linniers, Carlös ou Monteys.
Empregas un traballo directamente dixital ou creas borradores a man?
Case sempre fago bosquexos a man ata que dou forma á idea. Despois ou continúo en tradicional ou xa o levo ao dixital. Segundo o acabado que queira conseguir utilizo un ou outro.
E durante ese proceso de traballo cal é a faceta que máis che gusta A parte imaxinativa ou a de plasmar as ideas?
Gústame cando a ilustración vai tomando forma e tes que tomar decisións que van facer virar nun rumbo ou outro o resultado final.
Cóntanos que próximos proxectos barallas
Agora mesmo estou a traballar no proxecto final dos dous cursos que estou a facer en O Garaxe Hermético: un cómic de humor e un álbum ilustrado.
Titimoki: "Agora imos de cabeza a tempos de incerteza, tanto no sector editorial, como nos demais"
Para alguén que non teña hábito de ler novelas gráficas, que obras recomendarías?
Depende moito dos gustos persoais de cada un, pero calquera dos Macanudo de Linniers, ou Calvin e Hobbes, de Bill Watterson son sempre bos compañeiros de risas e unha oda á inocencia da infancia.
Como ves o panorama da ilustración neste momento no que volvemos a unha situación de crise económica?
Agora imos de cabeza a tempos de incerteza, tanto no sector editorial, como nos demais. É evidente que empeorará porque en tempos de crises as persoas tendemos a pospoñer as compras que non son absolutamente imprescindibles. Por moito que che guste ler, primeiro queres saber se vas poder pagar as facturas. De todos os xeitos, quen son lectores habituais seguirán mercando libros e cómics, aínda que en menor cantidade.
Cres que o sistema dixital rematará por devorar ao mercado do libro en papel?
É certo que agora lle baixaron o IVE ao libro electrónico e igualárono ao do libro impreso en papel e quizá iso poida darlle un empuxón, pero creo que os nosos hábitos tardan máis en modificarse. Supoño que ambas as formas convivirán xuntas durante bastante tempo, pero non creo que o libro en papel vaia desaparecer.
'Ata 10' pódese adquirir por 15,20 euros e ofrece unha boa oportunidade para penetrarse na imaxinación desta artista no seu ilusionante percorrido para aprender a contar ata 10 e ata o infinito.
Relacionadas:
-
RADIO.- 'A playlist' de Titimoki. Paco Peco Pequeneiro vintetantos anos despois
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Sara Castro leva ao formato de libro electrónico a "Rocío a pinga de auga"
Por Marisa Ciordia |
-
'Caramomia' ou como escribir unha novela xuvenil interactiva a oito mans
Por Redacción |
-
Kiko da Silva pide exencións fiscais para os autores: "Non vai haber curro ata 2021. De que se vai vivir?"
Por Anxo Lourido |