A actriz Melania Cruz, Premio Cinema Galego do FICBUEU
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A actriz lucense Melania Cruz recibirá o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) 2020. A entrega do galardón realizarase nun encontro co público que terá lugar na xornada de clausura do evento, o sábado 19 de setembro na sala multiusos do Centro Social do Mar.
A entrega do premio será nun acto con entrada de balde. Os asistentes poderán achegarse á traxectoria vital e profesional desta actriz, gañadora de dous premios Mestre Mateo e un María Casares.
Melania Cruz ten pendente de estrea o filme Ons e tamén protagonizou a galardoada Dhogs, ademais de participar en destacados proxectos do cine galego dos últimos tempos, como María Solinha, A esmorga, Arima ou Trote. No entanto, segue facendo teatro e vímola en series galegas como A estiba, Serramoura ou Contou Rosalía, na que interpretaba á poeta.
O humor vén sendo unha constante nas últimas edicións do FICBUEU e este ano o monólogo correrá a cargo dun dos seus máximos expoñentes en Galicia, Manuel Manquiña.
O 11 de setembro, a partir das 22.00 horas, estará no auditorio do Centro Social do Mar para compartir as súas reflexións en ton de comedia co público, que deberá adquirir previamente unha entrada.
O festival non poderá ter este ano os programas de radio en directo, unha das actividades que este ano quedou cancelada por mor da Covid-19. Pese a todo, este ano si estará en Bueu un dos críticos radiofónicos máis relevantes do panorama estatal, Javier Tolentino.
Tolentino presentará o seu último libro, Un alfabeto para Emma Suárez, a través dunha conversa dinamizada pola actriz canguesa Mónica Camaño. O acto está organizado en colaboración con Librería Miranda e terá lugar o martes 15 ás 20.00 horas na sala multiusos do Centro Social do Mar, con acceso gratuíto.