Os cabezudos de Caldas, protagonistas dun vídeo artístico crítico co pensamento neoliberal
Por Redacción
Kaldarte 2019 contou cun proxecto artístico do creador de Donostia Juan Pérez Agirregoikoa no que se anunciaba con grandes pancartas na Rúa Real de Caldas un ciclo de conferencias con imaxes de representantes do pensamento liberal ou neoliberal como Milton Friedman, Hobbes, Sarkozy ou José María Aznar.
O creador decidiu desenvolver neste 2020 un novo proxecto baseándose nos cabezudos que se utilizan nas festas de Caldas e a proposta obtivo o apoio dunha bolsa multiverso á creación en vídeoarte, que outorga a Fundación BBVA. Por este motivo, Pérez Agirregoikoa traballou durante as últimas semanas na gravación do vídeo que será presentada na sede da fundación bancaria en Madrid e despois poderase ver no Museo de Belas Artes de Bilbao e tamén en Caldas de Reis. A intención do artista é que despois percorra diferentes escenarios internacionais.
O proxecto denomínase 'Undesirable Aliens' e busca a crítica de ideoloxías e actitudes da realidade contemporánea de forma que quede á luz a falta de empatía por parte de altos cargos ou pensadores que non se poñen no lugar doutras persoas. A proposta ten unha visión irónica e lúdica ao ser creada con cabezudos, símbolos da cultura popular.
Unha das escenas gravadas en Caldas levou a cabo no Auditorio Municipal onde o cabezudo de Milton Friedman ofrecía unha conferencia. Outras escenas rodáronse na cidade de Pontevedra e tamén na praia de Aguete en Marín.
Javier Tudela, profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, foi o creador das figuras dos novos cabezudos que participan na obra gravada coa colaboración de José María Zabala e Gabriela Kraviez, e coa produción de Marta Díaz.