Reeditan 'División azul', o cómic histórico e reflexivo do autor pontevedrés Fran Jaraba
Por Redacción
Fran Jaraba é un pontevedrés nado en 1957, arquitecto e profesor de Debuxo no ensino secundario e bacharelato, pero ademais tamén é un creativo sempre vinculado ao mundo da ilustración. En 1981 publicaba a súa primeira obra e desde entón leva máis de 70 traballos para as principais editoriais españolas.
Jaraba traballou ademais en publicidade e deseño gráfico, e sempre mostrou o seu interese polo mundo das novelas gráficas. En 1979 impulsaba Xofre, unha das publicacións pioneiras de cómic en Galicia e no ano 2000 publicaba 'Cita en La Habana', o seu primeiro álbum gráfico. Obtivo numerosos premios como o Curuxa de Humor Gráfico, o Pardo Bazán do Ministerio de educación e foi designado en 1994 pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil como un dos representantes de España na Bienal Internacional de Ilustración de Bratislava (Eslovaquia).
Agora, a editorial Cascaborra Ediciones decidiu relanzar a súa obra 'División azul', un traballo que fora publicado en 2013 pola editorial De Ponent con moi boas vendas, pero esa empresa editora pechaba e será agora, a partir do 27 de agosto, cando esta novela gráfica conte cunha nova oportunidade tanto no mercado nacional como no internacional.
Nesta aventura cóntase a historia e Santi, un home que terá que trasladar uns negativos fotográficos clandestinos a Rusia. Para levar a cabo esta misión, o mozo comunista alístase na División Azul. Neste relato desenvólvese unha historia de tensión con elementos románticos a través dun debuxo coidado e unha narrativa que convida á reflexión.