Case 2.000 persoas gozaron da programación cultural do verán en Poio
Por Redacción
Máis de trinta citas culturais e festivas organizou o Concello de Poio no último mes e medio, entre o 17 de xullo e o 30 de agosto. Esta frenética actividade do programa Reinicia o Verán tivo o respaldo do público, con preto de 1.800 asistentes.
O cálculo de asistentes realízase grazas aos controis de aforo que se levaron a cabo durante o desenvolvemento de cada unha das actividades, unha das medidas que se están realizando en materia de hixiene, distanciamento e seguridade pola pandemia da COVID-19.
Entre as citas que contaron cunha maior afluencia de público figura o concerto ofrecido por Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, o 18 de xullo na Finca de Ankar, ante preto de 400 espectadores. Previamente, o gaiteiro poiense Óscar Ibáñez abrira a programación, o 17, no mesmo lugar, perante uns 200 asistentes.
Habilitáronse cadeiras para todos, coa separación necesaria, algo que se foi repetindo coa celebración de diferentes espectáculos e concertos.
Ademais, tiveron unha gran acollida iniciativas inéditas como a cata de viño, con concerto de FAIA incluído, no Mosteiro de San Xoán o pasado 13 de agosto, para a cal se esgotaron as 50 prazas ofertadas en menos de dous días.
A programación está tendo moi en conta tamén ás crianzas, con eventos como o Festival Infantil Chalaniña, que se desenvolveu a principios de agosto en Lourido, con tres pases distintos, e que congregou a unhas 300 persoas aproximadamente.
No apartado musical, tamén enchéronse os concertos de De Vacas, Cachas and Cousins ou do quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra.
En canto ás proxeccións de cine na rúa, O que arde congregou na Reiboa a máis de 120 espectadores o pasado 9 de agosto. Unha semana antes acadárase unha cifra similar coa película de animación Hotel Transilvania 3.
NOVAS CITAS PARA OS PRÓXIMOS DÍAS
As regueifas de Lupe Blanco e Alba María retomarán o programa cultural este xoves, ás 21.30 horas, no peirao de Raxó. O venres, a Praza Alfredo Romay de Samieira acollerá o espectáculo As nosas músicas de aquí, a cargo de Nelson Quinteiro Producións.
A banda da Loba e o grupo Take it easy actuarán, respectivamente, sábado 5 e domingo 6, na Reiboa e no parque de Ferreirós, ambos ás 21.30 horas. As iniciativas prolongaranse ata o vindeiro 20 de setembro, onde a orquestra La Oca porá o peche ao programa en Campelo.
Relacionadas:
-
O PP de Poio considera "ridículas" as explicacións do Goberno Local sobre as contratacións do "Reinicia o verán"
Por Oskar Viéitez |
-
O grupo pontevedrés Malkeda porá a banda sonora ao fin de agosto en Poio
Por Redacción |
-
Complétase o aforo para poder participar na cata de viños do Mosteiro de Poio
Por Redacción |
-
Amador Arias, protagonista de 'O que arde', comparte na Reiboa as vivencias na rodaxe da película de Oliver Laxe
Por Redacción |