Estrean o vídeoclip 'Homecoming' do londinense Dubzy Snazz, dirixido por Clara Alonso e rodado en Pontevedra
Por Redacción
Este venres 30 estreábase mundialmente o videoclip do tema 'Homecoming', do artista londiniense Dubzy Snazz. Este traballo foi rodado na cidade de Pontevedra baixo a dirección de Clara Alonso, unha creadora formada na Facultade de Comunicación Audiovisual.
Dubzy Snazz é un artista londiniense, que pertence ao movemento grime, un estilo de música electrónica nacido a principios deste século en Londres. Trátase dunha fórmula musical que mestura o tradicional ritmo de baile británico co garage acompañado de influencias de hip hop e dancehall.
Neste vídeo, o músico percorre unha asollada Pontevedra a ritmo de "feel-good vibe", mostrando a súa conexión coa xente da cidade. En 'Homecoming', Dubzy narra os altibaixos dunha relación e lanza unha mensaxe optimista sobre o amor, aínda que haxa situacións dolorosas.
Dubzy visitou a cidade grazas á súa parella, Marta Núñez, unha pontevedresa, que tamén sae no vídeo. Ela, familiar de Clara Alonso, púxoos en contacto e a partir de aí a directora pontevedresa traballou neste proxecto visual. Nas diferentes escenas recóllense paisaxes da cidade do Lérez que chamaron a atención deste artista urbanita. Mostrouse sorprendido polos espazos verdes e polos encantos da capital da provincia e quixo gravar o vídeo nestes espazos para promocionar a terra galega nos ambientes musicais británicos.
Na trama do vídeo, Clara Alonso recolle os sentimentos experimentados por Dubzy ao entrar en contacto coa familia e amizades de Marta. Ademais mostra escenarios tan reconocibles como a praia fluvial do río Lérez, a avenida de Santa María e zonas do centro da cidade mentres a parella móvese nun vehículo de pedais.
"A creación deste vídeo significou moito para min. Encantoume traballar con Clara, coa miña noiva e tamén coñecer amigos e familiares que agora terei para sempre. Gozo vindo a Pontevedra e volveremos polo Nadal. Quen sabe?; quizais algún día vivirei aquí!", declara o músico.
Os anteriores vídeos deste artista na canle Youtube lograron máis dun millón de reproducións e entre os seus fans atópanse xogadores do Manchester United e do Manchester City.
Dubzy Snazz é moi activo en redes sociais e a través delas promociona a cidade a través deste tema electrónico gravado en estudos de Manchester. Podes seguilo a través destas ligazóns:
https://twitter.com/dubzysnazz
https://www.facebook.com/DubzySnazz
https://www.instagram.com/dubzysnazz/
https://www.youtube.com/DubzySnazz
https://www.dubzy.co.uk/
Relacionadas:
-
RADIO.- Cara a cara: Sara Abilleira asina 'Resistiré', un dos poucos musicais que se exhiben en Madrid
Por Redacción |
-
A Casa das Campás estrea a curtametraxe 'Luz de contra', do alumnado de Comunicación Audiovisual
Por Redacción |
-
Proxectos audiovisuais creados por graduados pontevedreses triunfan no Ourense Film Festival
Por Redacción |