'Roteiro de Traxes Tradicionais' polos establecementos das Galerías Oliva
Por Redacción
A segunda edición do 'Roteiro de Traxes Tradicionais', organizado pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e a Deputación Provincial, volve converter as Galerías Oliva nun museo efémero da indumentaria tradicional galega.
A exposición distribúese polos escaparates dos establecementos desta céntrica galería comercial, que une as rúas da Oliva e Gutiérrez Mellado, e que neste momento se atopan desocupados.
Este mércores a mostra foi inaugurada cun percorrido explicativo guiado polo presidente de Sete Espadelas, David Quiñones, e por outro dos voceiros do colectivo, José Luis Rodríguez, e no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e o presidente da Asociación de Comerciantes das Galerías Oliva, Manuel Lago.
Tal e como indicou Quiñones, a exposición deseñouse "tentando manter a liña comercial de cada establecemento: traxes de home nas tendas de roupa masculina, de muller nas de roupa feminina, ourivería tradicional nas xoierías, complementos nos comercios de atavíos diversos… Cada traxe, complemento antigo ou xoiería vai acompañado dun cartel explicativo sobre o mesmo e tódalas pezas expostas son antigas ou reproducións fidedignas de pezas tradicionais".
Yoya Blanco amosouse "entusiasmada" cunha iniciativa que permite "enxalzar a nosa indumentaria tradicional e fomentar o coñecemento de novos termos da nosa lingua descoñecidos para a maior parte do público" e, ao mesmo tempo, "incrementar a afluencia de potenciais clientes aos comercios e a visualización dos seus escaparates".
David Quiñones lembraba que Sete Espadelas xurdiu en Pontevedra "como resposta ás inquedanzas dun grupo de persoas sobre a indumentaria tradicional, cos obxectivos de estudar, recuperar e reproducir prendas esquecidas ou distorsionadas do noso traxe tradicional".
Para isto, recuperan os patróns antigos, o xeito da confección e os tecidos, sempre baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas ós nosos maiores. Tamén tentan recuperar todo o proceso artesanal do liño e os termos antigos, algúns practicamente esquecidos e outros só residuais aínda na fala.
A vestimenta tradicional pódese dividir basicamente en tres tipos, en función do momento do seu uso e as circunstancias: traxes de garda ou gala, traxes de saír ou domingueiros e traxes de decotío ou faena, todos eles presentes neste roteiro-exposición, que pode visitarse ata o 31 de decembro.
Relacionadas:
-
Dez vestimentas históricas galegas chegan aos escaparates do comercio local
Por Redacción |
-
Música e pasarela de traxes tradicionais, a combinación perfecta de Os de Algures con Sete Espadelas
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Os de Algures e Sete Espadelas convidan a botar 'Unha ollada polas arcas pechadas' este venres no Principal
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Sete Espadelas obtén dous galardóns nos Premios de Investigación Antonio Fraguas na súa XXV edición
Por Redacción |
-
Os traxes tradicionais de Sete Espadelas exhíbense nos escaparates das galerías da Oliva
Por Redacción |