O Museo de Pontevedra multiplica as visitas guiadas durante a Semana Santa
Por Redacción
A Semana Santa traerá consigo un incremento na actividade do Museo de Pontevedra dirixida ao público.
Así, a institución museística ofrecerá un amplo abanico de visitas guiadas aos seus fondos, tanto aos permanentes como aos das mostras temporais. A iso súmanse ademais as Ruínas de San Domingos, que permanecerán abertas con entrada libre e aforo reducido a 45 persoas.
Os que queiran coñecer con maior detalle a colección permanente do Museo no Edificio Castelao, poderán facelo nun itinerario xeral que falará sobre as pezas máis singulares de cada unha das salas. Serán visitas diarias ás 11.00 horas, sendo preciso inscribirse previamente no correo educación.museo@depo.es para cumprir coas restricións sanitarias.
Doutra banda tamén se ofrecen visitas guiadas á exposición 'José Suárez 1902-1974', a cargo dun dos comisarios da mostra e sobriño do fotógrafo, Xosé Luís Suárez Canal. Serán os mércores 31 de marzo e 7 de abril ás 18.30 horas, tamén sendo necesaria inscrición.
Finalmente, ata o 12 de maio, o Museo manterá aberta a exposición temporal sobre Emilia Pardo Bazán, sobre a que se realizarán visitas comentadas todos os mércores ás 18.00 horas, sempre con inscrición previa.