Samudra Trio estrea este xoves 15 a súa gravación audiovisual de 'Danzón', de Paquito d'Rivera
Por Redacción
Laura Lorenzo, Jimena Andión e Yamini T. Prabhu son instrumentistas de frauta, cello e piano e as tres uniron o seu talento, procedente de diversas experiencias individuais, para ofrecer unha nova visión da música de cámara no panorama galego, a través da formación Samudra Trio, unha agrupación con marca pontevedresa.
Este xoves 15 estrean o seu segundo traballo audiovisual realizando unha interpretación en directo do 'Danzón', composto polo recoñecido músico de jazz cubano Paquito d'Rivera. Cos ritmos característicos da illa e un son propio, as tres intérpretes ofrecerán unha versión orixinal na que convidan a bailar. A estrea poderá seguirse a través da canle de Samudra Trio en Youtube.
Trátase do seu segundo traballo destas características, despois da súa aparición con 'L' aube enchantée', de Ravi Shankar, unha peza na que sorprenden coas posibilidades sonoras das súas interpretacións combinando vento, corda e tecla.
Estas novas artistas, que se autodenominan "samudreiras", mostran a través de Facebook e de Instagram momentos da súa evolución creativa con imaxes dos seus divertidos ensaios combinados con conversacións filosóficas.