Un dos poucos cadros con hórreo de Manuel Torres, en restauración para amosalo no Museo Municipal
Por Redacción
A restauradora Eva Fontoira encárgase durante estes días de restaurar a acuarela que conta cun dos poucos hórreos que pintou o artista marinense Manuel Torres. A concelleira Itziar Álvarez visitaba o taller desta restauradora para comprobar os avances neste labor.
O cadro presentaba unha importante deformación do soporte debido a un exceso de humidade. Apréciase unha marca moi visible dunha pinga e auga que foi comendo a cor. Ademais, segundo Fontoira, detéctase a presenza de pregamentos e de engurras, que se están tratando para que o cadro recupere a súa forma orixinal.
Tamén na pintura obsérvanse manchas de humidade e os pigmentos dalgunhas tonalidades atópanse descolorados. A restauradora entende que esta situación se debe a que seguramente a obra permaneceu colgada nalgún espazo no que sufría o impacto de luz directa. Ademais, atopáronse rozaduras por mala manipulación da obra. Eva Fontoira sinalou que se corrixirán todos estes problemas e reintegrarase o ton e a cor orixinal, ademais de achegar un fixador.
Segundo manifestou a concelleira espérase que o cadro poida expoñerse a mediados do mes de maio e, desta forma, poida ser visitado no Museo Municipal Manuel Torres, unha vez que finalice a exposición de Maios e a dos escolares da EEI Ou Grupo.