Inauguran a mostra 'Galicia Mártir. Da queda do tempo republicano ao exilio'
Por Redacción
A exposición 'Galiza Mártir: da queda do tempo republicano ao exilio' poderá ser visitada no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó, dende o vindeiro luns 24 de maio ata o 11 de xuño. Así o anunciaron este venres durante a inauguración a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas, e a edil de Cultura, Raquel Rodríguez, durante a inauguración.
Ao acto tamén acudiron Valentín García Bóveda, en representación da Fundación Alexandre Bóveda, e o catedrático Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, que impartirá unha conferencia o vindeiro 4 de xuño ás 19.30 horas, data que coincide co día de nacemento de Alexandre Bóveda.
A actividade, organizada polo departamento de Memoria Histórica e que tamén forma parte do programa cultural Verbas en Flor, fai un repaso á loita pola Autonomía, o exilio, a resistencia democrática ou ás denuncias que se fixeron contra a represión franquista existente en Galicia desde a finalización da Guerra Civil ata finais da década dos 70, cando o réxime chegou ao seu fin.
Caldas explicou que o vindeiro xoves 27 de maio haberá unha visita guiada a cargo do propio Diéguez Cequiel, que na actualidade é director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña.
Para poder participar nas actividades hai que inscribirse previamente a través do correo electrónico alcaldia@concellopoio.gal ou no teléfono 986770001 (extensión 1202).
Relacionadas:
-
Suspenden os actos de celebración do Día de Galiza Mártir na Caeira e Pontevedra por mor da chuvia
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Día da Galiza Mártir adáptase á situación sanitaria e pecharase cun concerto
Por María José Pita | Creada e actualizada