Chegan as Noites de Terraza a Ponte Caldelas: tres meses de música ao aire libre
Por Redacción
Tres meses de música, entre o venres 18 de xuño e o sábado 11 de setembro. É o que ofrecerá o ciclo Noites de Terraza, que impulsa o Concello de Ponte Caldelas durante o próximo verán.
A proposta musical será moi variada, para todos os gustos e para todos os públicos, e inclúe fados, mariachis, flamenco, música clásica, música tradicional, pop, rock ou música heavy, segundo destacan desde o goberno municipal.
As actuacións serán todos os venres de sábados, a partir das 21:30 horas na alameda e na Praza de España. Serán concertos ao aire libre e co aforo controlado a través das mesas da hostalería autorizadas previamente polo Concello.
Ademais, todos os domingos do mes de agosto haberá sesión vermú con bandas de música a partir das 13.00 horas e a semana das Festas das Dores, que este ano non se celebrarán como tradicionalmente, tamén se estende a programación cultural ata o martes.
Entre as actuacións máis destacadas, segundo adianta o Concello, estarán a sesión de Fados con Erea Castro, a actuación dos mariachis de Leonardo Flores, a actuación clásica de Samudra Trío ou o espectáculo de Milladoiro.
Con esta iniciativa, o goberno municipal prefire ser prudente e apostar por unha programación de pequeno formato, aínda que ampliada con respecto ao ano anterior.