Impulsan un museo etnográfico sobre a tradición labrega e mariñeira de Combarro
Por Redacción
Desde hai máis dun ano, a asociación Armadiña está a traballar nun ambicioso proxecto cultural para crear en Combarro un museo etnográfico que terá como eixe a vida labrega e mariñeira da vila, protexendo así a súa cultura e a súa tradición.
Levará o nome de Museo de Combarro (MUS.CO) e será un proxecto museístico sostible e comunitario, enfocado á salvagarda da identidade labrego-mariñeira no marco dun Combarro moderno e adaptado aos novos tempos.
Armadiña pretende que este museo naza dende a estreita colaboración da veciñanza coas administracións, mediante o traballo colectivo caracterizado no movemento asociativo.
Así, o Museo de Combarro estaría xestionado mediante un padroado, entidade que terá o carácter dunha fundación pública, e para a cal, a Armadiña convidará a outros colectivos culturais e administracións a participar.
Recoñecen que será un proxecto imposible de materializar a curto prazo e consideran que o museo non debe estar representado entre as catro paredes dunha sala. Optan por utilizar o casco histórico de Combarro e a súa contorna, establecendo así un museo descentralizado e que se adapte as necesidades dos veciños e dos visitantes.
A primeira actividade relacionada con esta idea será realizar este verán unha semana de actividades, sendo o centro destas a exposición da muller e o mar.
O próximo sábado 5 de xuño, ás 12:30 horas, esta iniciativa será presentada aos socios da asociación Armadiña, no que consideran que será o punto de partida dun camiño que ten que culminar coa creación deste Museo de Combarro.