Unha viaxe pola vida de Emilia Pardo Bazán, nos xardíns da Deputación
Por Mónica Patxot & Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, inaugurou a exposición itinerante que ata o 23 de xuño pode verse nos xardíns da institución provincial na contorna da avenida de Montero Ríos.
Esta mostra que leva por título 'Emilia Pardo Bazán en el país de las Rías' recolle vivencias e relacións que a escritora mantivo con outras mulleres de gran relevancia como Rosalía de Castro ou María Vinyals. Destaca tamén o papel de reivindicación feminista da autora de 'Los Pazos de Ulloa'.
Tamén se fai un percorrido sobre espazos que Emilia Pardo Bazán visitaba con frecuencia como o pazo dos Marqueses de Riestra na Caeira, no municipio de Poio, e tamén as súas estancias no balneario da Toxa no Grove.
Pero a mostra tamén ofrece momentos do seu paso pola cidade de Pontevedra, pola comarca de Arousa ou polos municipios de Sanxenxo ou Soutomaior.
A presidenta provincial estivo acompañada polo subdirector xeral do grupo Prensa Ibérica en Galicia, Juan Carlos da Silva. A mostra, tras o seu paso pola capital, visitará Lalín, O Grove e Mondariz-Balneario.