Lab Cultura comeza a traballar para crear a mostra vangardista 'Experiencia Pontevedra'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Cando finalice o Salón do Libro Infantil e Xuvenil do ano 2022, o Pazo da Cultura acollerá 'Experiencia Pontevedra', unha mostra interactiva, tecnolóxica, con elementos do sector do entretemento e da cultura. A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentaba esta iniciativa na que se traballará durante o próximos dez meses.
"Máis que para visitar vai ser para vivila", afirmaba a concelleira ao anunciar que o vindeiro luns 28 de xuño poñerase en funcionamento un Lab (laboratorio de innovación) Cultura a través da empresa madrileña EVE Museos e Innovación, que contactará cun grupo de 30 personalidades representativas da actividade cultural en Pontevedra dentro do marco das institucións, empresas privadas, profesionais do xornalismo ou axencias culturais. Entre todo este colectivo desenvolverase o contido desta mostra que ofrecerá unha perspectiva da cidade recollendo tendencias cara ao futuro, segundo apuntou Carmen Fouces.
Explicaba tamén a responsable de Cultura que a intención é que se trate dunha experiencia participativa na que se acheguen propostas para ofrecer un contido próximo ás emocións e ás sensacións.
Fouces indicou que se contratou a EVE Museos e Innovación porque non había ningunha empresa destas características en Pontevedra e, neste caso, esa compañía conta con experiencia internacional ao traballar en 24 países con 225 proxectos que referendan unha traxectoria contrastada baseando sempre o seu traballo na participación. "Buscan xente da zona para que os leven da man", indicaba a concelleira destacando esa pretensión colaborativa.
Sinalou que ao utilizarse elementos tecnolóxicos e dixitais, a exposición realizarase a cuberto na sala de exposicións do Pazo da Cultura cun calendario de actividades, visitas guiadas e traballo con escolares. Dentro do proxecto contémplase unha comunicación tamén con cidades periféricas. "O espazo dixital vai compartirse co espazo presencial e vai ser unha experiencia moi reconfortante", avanzou a concelleira de Cultura.