'Noites de música antiga', de volta ás Ruínas de San Domingo
Por Redacción
Este 2021 volven os concertos ao aire libre nas Ruínas de San Domingo, organizados polo Museo de Pontevedra. O 2 e o 9 de xullo, a partir das 21.00 horas actuarán as agrupacións musicais de L'Unisoni e La Danserye.
Trátase de dous grupos de música clásica que ofrecerán un programa composto por música veneciana e relacionada coa corte imperial dos Austrias españois no momento de maior apoxeo.
L'Unisoni ofrecerá algunhas das obras mestras da autora veneciana do século XVII Barbara Strozzi, que se combinarán con outras obras instrumentais do mesmo século. Esta agrupación formada en 2019 dedícase á realización de músicas vocais e instrumentais do período comprendido entre os séculos XVI e XVIII.
O 9 de xullo chegará a quenda de La Danserye cun repertorio que recreará a música da corte de Felipe II. O programa centrarase na colección de danzas a catro partes que publicaba Tilman Susato en 1551. Esta agrupación caracterízase polas súas interpretacións da música do período renacentista. Os compoñentes de La Danserye tamén realizan investigacións e constrúen instrumentos históricos, contando cunha das coleccións de instrumentos do Renacemento máis amplas de Europa.
Para asistir a estes dous eventos é necesario inscribirse en reservas.museo@depo.es