As Ruínas de San Domingos e a praza do Edificio Castelao do Museo serán escenarios musicais
Por Redacción
O Museo de Pontevedra organiza o xoves 16 de setembro dous concertos de ‘Neønymus’, un proxecto musical de Silberius de Ura que levará ás persoas participantes a pasar dos sons da prehistoria á música inventada.
Serán dous eventos singulares, ‘Historia inventada de música inventada’ para público familiar ás 16.30 horas na praza do Edificio Castelao, e ‘Ecos da Prehistoria’ ás 21 horas nas Ruínas de San Domingos.
Para asistir a calquera deles é preciso reservar praza previamente en reservas.museo@depo.gal, xa que o aforo é limitado.
Nos concertos de Neønymus, caracterizados por ser eventos cativadores e sorprendentes, Silberius de Ura crea en directo unha moi persoal mestura de voces, sons e pequenos instrumentos, utilizando unha atrevida combinación de tecnoloxía e harmonías vocais de música antiga, chegando a parecer imposible que unha soa persoa sexa capaz de encher máis dunha hora con música dunha enorme intensidade e riqueza tímbrica e rítmica.
Neønymus é unha proposta musical única. O seu espectáculo traslada ás persoas asistentes a lugares imaxinarios que recrean paisaxes sonoras da antigüidade, ás veces cunha enorme carga emocional e un notable sentido de transcendencia: son unha viaxe exploratoria pola intimidade cultural e espiritual do ser humano, pero condimentado con humor e múltiples relatos.
Ata o de agora, Neønymus ofreceu máis de 600 concertos en España, Francia, Rusia, Italia e Portugal, moitos deles en lugares moi singulares: Mosteiros, ermidas, covas paleolíticas, castelos en ruínas e tamén en museos, teatros e conservatorios de música.