Piden imaxes e documentos para retratar os 30 anos de memoria colectiva da Facultade de Belas Artes
Por Redacción
A responsable das redes sociais da Facultade de Belas Artes, Sara Donoso, emprendeu unha campaña para solicitar a aquelas persoas que realizaron os seus estudos neste centro do campus pontevedres calquera material que poida recoller parte dos seus 30 anos de historia.
Desta forma, tal e como recolle o DUVI, demanda imaxes, documentos, fanzines e outros elementos que axuden a construír a memoria colectiva desta fábrica de formación de creadores. Todo ese material será seleccionado para elaborar unha publicación que será editada en risografía a través do selo editorial Error es Bien, xerado dentro da propia facultade.
A intención, segundo sinala Donoso, é realizar unha recompilación de iniciativas do alumnado que aínda seguen sendo lembradas pola comunidade universitaria e poñelas en común para facer unha publicación homenaxe. Acéptase calquera información sobre actividades desenvolvidas como as celebracións de San Ero ou a realización de mercadiños, performances ou cancións que se orixinaron neste centro.
Con esta proposta búscase ver a evolución desde o inicio da facultade co traslado á súa sede no antigo cuartel de San Fernando ata a actualidade. O material pódese remitir a través do correo electrónico facultadebelasartespontevedra@gmail.com