Elaboran un vídeo de realidade virtual en 3D sobre as Ruínas de San Domingos
Por Alejandro Espiño
Facilitar a comprensión da construción, da historia e da transformación das Ruínas de San Domingos ao longo dos séculos. É o obxectivo do vídeo de realidade virtual en 3D que o Museo de Pontevedra encargou sobre todo este espazo.
"Queremos que a xente coñeza que son esas estruturas, que non vexan simplemente un edificio roto", explica o director do Museo, José Manuel Rey, que aposta por mellorar a experiencia dos visitantes para que teñan información máis atractiva sobre o conxunto.
Así, decidiuse crear un audiovisual 3D para xerar un entorno virtual con aparencia e textura hiperrealista como solución para proporcionar unha lectura completa da estrutura arquitectónica e, a partir dos restos actualmente conservados, poder comprender tanto a totalidade do inmoble como a súa evolución e transformación ao longo do tempo.
De feito, no vídeo incluiranse varias fases: a construción e fase inicial, séculos XIV-XV; a reforma neoclásica inacabada; a modificación do rosetón e o derribo da muralla inmediata, segunda metade século XIX; a construción do instituto a comezos do XX e a situación actual.
Para iso, un dron sobrevoou este luns as ruínas para facer un levantamento fotogramétrico e aerofotogramétrico 3D que sirva para a reconstrución virtual, o modelado de persoeiros para cada época e a renderización e edición dun vídeo final de 3 ou 4 minutos.
O traballo por percorrer será aínda bastante amplo, xa que haberá tamén unha fase de documentación histórica e asesoramento que implicará a especialistas en Historia da Universidade de Santiago de Compostela co fin de que o vídeo final sexa fidedigno.
Agardan que a peza final, que ten un orzamento global que rolda os 9.000 euros, estea a disposición do público no outono a través dun código QR.
Aproveitarase o novo modelado 3D, ademais, para facer unha nova sinalización interpretativa que facilite a comprensión da histórica edificación.
Relacionadas:
-
Novos carteis lembran que nas Ruínas de San Domingos as fotos deben ser sen flash e sen pau selfie
Por Redacción |
-
Xoves de verán para coñecer con detalle as Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra estreará o venres 'Percu-Sons'
Por Redacción |
-
Preto de 1.400 visitas ao Museo durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
Un audiovisual 3D permitirá mellorar a experiencia da visita ás Ruínas de San Domingos
Por Redacción |