Unha curtametraxe dunha estudante de Belas Artes, na programación do Festival de Cannes
Por Oskar Viéitez
"El viaje", unha curtametraxe realizada pola estudante de Belas Artes Claudia Pineda como traballo académico formará parte da programación dun dos principais escaparates cinematográficos do mundo, o Festival de Cannes.
A súa peza foi un dos nove traballos realizados por estudantes de diferentes universidades e escolas de cinema de España seleccionados polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) para o seu espazo 2cool4school, inserido na programación do Short Film Corner, a sección dedicada ás curtametraxes do festival francés.
Deste xeito, a curta na que Pineda reflexiona sobre o sentido da viaxe tomando como punto de partida unhas imaxes gravadas pola súa avoa na China en 1988 formará parte da videoteca desta sección do festival, un catálogo virtual de curtametraxes ao que teñen acceso programadores de todo o mundo.
"Sinceramente, ao principio custoume crelo. Tardei tempo en asimilalo", recoñeceu Pineda en declaracións ao Diario da Universidade de Vigo sobre esta selección que define como "un salto importantísimo que me abre un horizonte bastante descoñecido ata o momento".
Co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, Pineda poderá participar neste espazo, entre o 12 e o 16 de xullo, en sesións de networking, foros de coprodución e outra serie de actividades orientadas fundamentalmente a pór en contacto a cineastas e produtores.