Seleccionan a curta dunha alumna de Belas Artes para a promoción internacional do audiovisual galego
Por Redacción
O Diario da Universidade de Vigo (DUVI) informa de que a curtametraxe da alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Rebeca Lar titulada Só as árbores coñecen o son das balas foi seleccionada para formar parte da edición de 2022 do catálogo da Xunta para a promoción internacional das curtametraxes galegas.
A peza foi unha das sete obras seleccionadas para o catálogo que, baixo o título Shorts from Galicia a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) difunde en diferentes eventos cinematográficos e que estará presente esta mesma semana no festival internacional francés de Clermont-Ferrant, referente internacional para a produción e distribución de curtas.
Estreada en setembro na sección de non ficción do Festival de Cans, Só as árbores coñecen o son das balas é unha conversa audiovisual, unha reflexión sobre o territorio e a paisaxe galega, unha primeira aproximación á investigación de varios feitos relacionados coa guerra civil na provincia de Pontevedra.
Rebeca Lar declaraba ao DUVI que "xurdiu por casualidade", cando, no marco do proxecto que desenvolveu grazas ás axudas Injuve, a artista e investigadora atopábase percorrendo "lugares onde asasinaron a persoas durante a guerra e a ditadura", como a coñecida como a ‘volta dos nove’ en Baiona, ou o monte da Guía, a avenida de Ponte ou o Berbés en Vigo.
"Na curta vese o proceso desta investigación a través de imaxes de paisaxes, elementos naturais, mapas, viaxes en coche..., e sobre todo a través do diálogo, no que eu mesma falo co meu compañeiro sobre casos concretos, describíndoos e vinculándoos con lugares que frecuentamos habitualmente", relata a artista e investigadora. De feito, recoñece que foi despois de ver estas gravacións, realizadas cunha cámara de fotos e cun teléfono móbil, cando "pensei que podía facer algo con elas" e comezou a traballar nesta peza.
Xunto a Só os árbores coñecen o son das balas, forman parte deste catálogo O niño dos paxaros, da egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Lucía Estévez; 30’ 70 60 120’, da tamén titulada en Comunicación Audiovisual Marta Valverde; Así vendrá la noche, de Ángel Santos; Rompente, de Eloy Domínguez Serén, e Sycorax, unha curta codirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro e producida pola profesora Beli Martínez que o pasado mes de xullo se estreaba no Festival de Cannes.