As fillas bravas contra o cambio climático
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan "o que nos peta" como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son "fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos".
Ás fillas bravas danlles vida Mónica García, Patricia de Lorenzo e Arantza Villar. Tres actrices da Compañía Chévere que este mércores acturaron na Praza da Ferrería dentro do ciclo "Con voz de muller".
"As fillas bravas e o mito de Casandra", é o título da comedia que levaron a escena e na que tres pandereiteras do lugar de Momán, parroquia de Trabancas, concello de Padrenda, cantaron coplas e contaron historias escoitadas ou inventadas, con moita ironía e non menos sabedoría.
Estas tres mulleres maiores de aldea explicaron a súa visión do cambio climático e como facerlle fronte aplicando o saber popular e a súa propia experiencia e para iso recorreron ao teatro clásico grego e á música tradicional galega. Tamén foi un espectáculo con perspectiva de xénero que propuxo modelos de empoderamento feminino.