Sesenta persoas participaron no Certame de Pintura ao aire libre de Arra
Por Redacción
O Certame de Pintura ao Aire Libre de Arra logrou na súa sexta edición alcanzar os 60 participantes chegados desde distintos puntos da localidade e de España, duplicando a cifra da edición anterior.
O patio do Priorado de Arra converteuse na tarde do domingo no escenario dunha exposición das obras gañadoras de certames anteriores, deixando reservada a entrada á entrega dos premios que este ano a organización, a Asociación Cultural San Caetano de Arra en colaboración co Concello de Sanxenxo, decidiu incrementar para recompensar o talento e o esforzo que se mostra en cada edición.
O xurado estivo representado pola concelleira de Cultura Paz Lago, Ana Cancela. Maria Jesús Vázquez Martínez, Raúl Gil, Jesús Alberto Martínez e Bruno Vidal Torres. Todos os membros coincidiron na “alta calidade” dos cadros realizados en apenas unhas horas.
Na categoría de adultos, o primeiro premio de 800 euros recaeu en Isabel Seidell, o segundo, en Manuel Carballeira con 400 euros e o terceiro, en Carlos Espiga Alonso con 250 euros.
No apartado infantil, o primeiro premio ata 12 anos, dotado con 100 euros foi para Ángela Martín e o segundo, de 50 euros, foi para Isabella Martínez.
O primeiro premio para participantes con idades comprendidas entre 13 e 16 anos foi para Sara Martínez con 150 euros.