Regresan 'Á Procura do Tesouro' e 'A hora do Conto'
Por Oskar Viéitez
Botan a andar un ano máis os obradoiros infantís "A procura do tesouro" de Migallas Teatro e "A hora do conto" de Pavís Pavós, actividades promovidas pola Concellería de Cultura e que acadarán este curso a súa decimoquinta edición. As inscricións para ambos obradoiros poderanse realizar a partir do mércores 16 de outubro no Pazo da Cultura, en horario de 8 a 14 horas, tendo un custe total de 40 euros cada actividade.
Na súa presentación este luns, a concelleira Anxos Riveiro, estivo acompañada de Tareixa Alonso (Pavís Pavós) e Carlos Yus (Migallas Teatro), e salientou que estes programas que estan destinados a estimular a fantasía, a creatividade, os recursos expresivos e o interese pola lectura, congregan máis de 200 rapaces de entre 4 e 16 anos de idade ao longo das máis de 20 sesións que se realizarán semanalmente entre outubro e abril.
Á PROCURA DO TESOURO
"A procura do tesouro" é o taller impartido por monitores da compañía teatral Migallas Teatro coa coordinación de María Campos e Carlos Yus, estará composta por cinco cursos de Expresión Dramática, Plástica e Musical para rapaces e rapazas de 4 a 16 anos.
Migallas leva a cabo un traballo que estimula a fantasía e as aptitudes comunicativas e creativas dos nenos, fomenta a aprendizaxe do noso folclore, da nosa vila e o noso entorno e favorece a fluidez na expresión oral e escrita en galego. Como destacou Yus na presentación "fuximos de métodos de ensino que obriguen aos nenos a seguilos ao pé da letra, saíndose das liñas, pintando o que se lles ocurra, mentres coñecen pintores afamados. Ademais buscamos fomentar sempre as actividades cooperativas, non competitivas, xa que todos valemos".
Os pequenos de 4 a 7 anos vivirán unha aventura da mán dos avós que lles contan historias e segredos, participarán dos xogos e probas que lles poña o Pirata Escarapote para atopar o tesouro, coñecerán artistas impresionistas, e outros coma Colmeiro, Castelao e Dalí, crearán e escoitarán contos, realizarán traballos manuais e rematarán no mes de abril cunha "expedición" polo Centro Histórico de Pontevedra.
Dos 8 aos 16 anos, combinaranse as actividades citadas anteriormente coa creación e posta en escena dunha peza teatral que se representarán no mes de abril no Teatro Principal, baseada en experiencias e ideas dos rapaces.
Á HORA DO CONTO
"A hora do conto" é o proxecto de animación á lectura que vén da man de Pavís Pavós, un grupo de narradores (Tareixa Alonso, Xacobe Rodríguez que contarán con diferentes colaboracións) coa finalidade de transmitir aos nenos o gusto polos libros. Partindo da oralidade, Pavís Pavós traballa en torno ás historias tradicionais e de tradición galega para estimular a imaxinación a través dos sentidos.
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra na edición do ano 2014 xirará en torno á comida e, por este motivo dende Pavís Pavós xogando con ese tema propoñen "Para comer e calar" como eixo central para A Hora do Conto deste ano. "Receitas innovadoras, a visita dun cociñeiro do Grupo Nove, saídas cos nenos que este ano levarán unha chaqueta de xefes de cociña, etc son algunhas das sorpresas coas que contaremos nesta edición" comentou Tareixa na rolda de prensa, sempre fomentando a lectura que é "aire freco e alimento para a nosa intelixencia e o noso lecer"
Esta actividade estará realizada en galego, tentando sempre de transmitir a tradición oral galega apoiándose na mitoloxía, nas cantigas populares e noutras temáticas coma o Samaín, o Nadal, o Magosto, o Entroido.