Semana para visitar as boas prácticas do programa Laboratorio da Paisaxe
Por Redacción
Laboratorio da paisaxe é un proxecto de investigación que toca diferentes artes e busca unha conexión directa co territorio onde se desenvolve, neste caso o municipio de Barro. Ao longo de varios días, os participantes analizaron as problemáticas das zonas rurais co fenómeno do despoboamento e a procura de solucións.
Durante estas xornadas, os participantes na súa maioría arquitectos e artistas visitaron o taller e galería do escultor barrense máis internacional, Francisco Remiseiro. Tamén se realizaron talleres de fotografía, arquitectura e Land art con José Chas, Sheila García e Álex Viador como monitores.
Ao longo de toda esta semana permanecerá aberta na contorna do centro cívico de Barro unha mostra fotográfica que recolle unha selección de boas prácticas sobre a intervención na paisaxe.
Nesta mostra obsérvanse proxectos realizados en Galicia por arquitectos como Carlos Seoane, María Fandiño, Müller Feijoo, Creus e Carrasco, Arrokabe, Salgado e Liñares ou Carlos Quintáns.