Cursos para educar o gusto musical
Por Redacción
Avós que ensinan aos seus netos o funcionamento da zanfona. Esta é unha das imaxes que xa se viron nos cursos da AFI, a Escola infantil de música de Pontevedra. A súa proposta céntrase en trasladar aos nenos de entre 5 e 12 anos unha nova forma de aprender música popular sen cualificacións nin estritos plans de estudo. Estes talleres buscan achegar aos máis pequenos a música, o canto e o teatro.
As sesións serán durante as tardes dos venres e os talleres centraranse no traballo da voz, a expresión corporal, a percusión e a música experimental. O método consiste en propoñer aos nenos que, por exemplo, aprendan a cantar unha xota e despois a expresala a través do corpo e a crear ideas artísticas a partir dela. Os docentes son músicos vinculados ao mundo do jazz e á música experimental.
Segundo explicou a coordinadora da escola, Gema Pérez, froito do traballo desenvolvido nos dez anos anteriores, tamén se pon en marcha un Laboratorio de sons para aqueles nenos que contan xa con experiencia con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos. Está programado para os sábados pola mañá e organízase como unha especie de compañía artística que participa en eventos como a inauguración do Salón do Libro.
O prazo da matrícula xa está aberta para cubrir as 45 prazas do curso da Escola infantil de música e as 20 do Laboratorio de sons. Os interesados deberán poñerse en contacto coa Concellería de Cultura, situada na rúa Churruchaos.