O Pazo da Cultura acolle unha performance reivindicativa de Doira B. Paratcha e Santi Prego
Por Redacción
Como parte das actividades da exposición "Do final e do comezo 2021: Unha odisea no Pazo", que permanecerá aberta ata o 26 de setembro, preséntase este sábado 18 ás 18:30 horas a acción Sin título (El capital me sienta mal, 2020) que Doira B. Paratcha, participante da mostra, realizará en colaboración con Santi Prego.
A peza artística e reivindicativa xorde a partir da obra de César Rendueles de 2016 titulada "En bruto. Una reivindicación del materialismo histórico" e que os organizadores definen do seguinte xeito:
"Dende 1840 as relacións laborais mudaron radicalmente. O gran cambio que se deu na Revolución Industrial, como comenta César Rendueles nun ensaio a favor do materialismo histórico, non tiña tanto que ver co avance tecnolóxico nin a sofisticación das máquinas, como cunha transformación nas relacións sociais e laborais. As principais innovacións tiveron que ver coa organización do traballo, e debéronse a que as elites inglesas lograron impoñer violentamente unha transformación política que alterou as relacións de poder entre a burguesía, a aristocracia e as masas populares".
Dende entón, explícase na presentación da performance, "a alienación no traballo é unha realidade insoportable da que pouco ou nada se fala". Deste xeito, esta peza é unha crítica ás condicións laborais principalmente, á alienación laboral e ao "(sen)sentido do sistema capitalista".
DOIRA B. PARATCHA (Vigo, 1985). Graduada en Belas Artes e Máster en Educación pola Universidade de Vigo, conta tamén con formación en artes gráficas e escenografía. Estudante de socioloxía pola UNED. Obtivo o premio ao mellor TFG/TFM Axenda 2030 na modalidade Artes e Humanidades no ano 2020, outorgado pola Universidade de Vigo polo Traballo Fin de Grao "El capital me sienta mal". Así mesmo, polo seu traballo artístico, tamén acadou o premio CREA - Creatividade e innovación do Campus Crea da Universidade de Vigo no ano 2021.
SANTI PREGO (Vigo, 1962). Licenciado en Filosofía pola Universidade de Valencia e Doutor en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo coa tese "Espectáculo e Performance Studies: elementos para a formalización dunha Teoría do Espectáculo e a súa tipoloxía". É profesor de Historia das Artes do Espectáculo na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Entre os seus últimos traballos en cine destaca a actuación en Mientras dure la guerra, de Alejandro Amenábar, no personaxe de Franco, e en televisión O sabor das margaridas, coma personaxe protagonista. É titiriteiro, actor de teatro, narrador oral e improvisador.