Daniel Freire e Miguel Ángel Solá inoculan "El veneno del teatro" aos pontevedreses
Por Oskar Viéitez
A Fundación Novacaixagalicia presenta en Pontevedra a obra El veneno del teatro, un texto de Rodolf Sirera dirixido por Mario Gas e interpretado por Miguel Ángel Solá e Daniel Freire.
A función terá lugar o día 23 en Pontevedra ás 20.30 horas no auditorio do centro social da entidade.
El veneno del teatro é un thriller que se desenvolve no París do século XVIII no que se debaten realidade e ficción. Alí, na capital francesa, Gabriel de Beaumont, un famoso actor, é invitado por un marqués, coñecido polas súas extravagantes afeccións, ao seu pazo, onde recibe a encomenda de interpretar unha obra de teatro sobre a morte de Sócrates, escrita polo propio aristócrata. Pronto descubrirá o protagonista que todo é unha trampa para sometelo a un cruel experimento sobre a morte, a realidade e a representación.