O Casal de Ferreirós acollerá este sábado a segunda edición das xornadas 'O Son da Gaita'
Por Redacción
O Casal de Ferreirós acollerá o vindeiro sábado, día 13 de novembro, a segunda edición das xornadas 'O Son da Gaita', organizada pola Asociación Cultural Pai da Cana e promovida polo Concello de Poio.
A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, acompañada polo fundador deste grupo tradicional, o recoñecido gaiteiro poiense Óscar Ibáñez, deron a coñecer os detalles da programación dunha cita que ofrecerá diferentes actividades vencelladas a un dos instrumentos musicais máis vencellados á historia e á tradición do país.
Un dos grandes atractivos da cita será o obradoiro sobre afinación e manipulación da palleta que ofrecerá o gaiteiro de Teo Xesús Rodríguez, que, desde os seus inicios a finais dos anos 90, foi quen de labrarse unha gran traxectoria musical, sendo gañador de numerosos certames e concursos a nivel nacional e internacional.
Esta sesión formativa desenvolverase no propio Casal de Ferreirós de 10.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas durante a tarde. O prezo de inscrición será de 25 euros, se ben as persoas empadroadas en Poio gozarán dun desconto de 5 euros.
Unha vez rematado este obradoiro, ás 19.15 terá lugar a presentación do libro 'A gaita na terra de Melide'. O seu autor, Suso Ascariz, fundador e integrante de varios grupos musicais de folk e tradicionais, fai, a través desta obra, un repaso á evolución do instrumento ao longo do século XX. Ademais, o libro tamén inclúe máis de medio cento de partituras, así como un CD con varias composicións propias.
Estas xornadas pecharanse coa presentación da colección 'Pezas guapas para gaita, zanfona e acordeón', impulsada por Xosé Manuel Fernández Costas.
Raquel Rodríguez agradeceu a implicación e interese amosado por parte da Asociación Cultural Pai da Cana á hora de difundir e poñer en valor a historia, a tradición e a importancia deste instrumento musical en Galicia e lembrou que a primeira edición destas xornadas tivo lugar en 2019, tamén no Casal de Ferreirós, resultando todo un éxito de participación.
As persoas interesadas en obter máis información ou en anotarse para tomar parte na actividade poderán facelo enviando un correo electrónico á dirección acpaidacana@gmail.com.