AuGAL amosará o proceso de creación do audiovisual galego máis recente
Por Mónica Patxot & María José Pita
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no campus da Xunqueira acollerá entre os meses de novembro e decembro o ciclo AuGAL, MasterClass do Audiovisual Galego, co que se pretende "achegar ao alumnado e á cidadanía os procesos de traballo do audiovisual", en palabras do vicerreitor Jorge Soto.
Este martes presentábase a 11 edición coa boa nova do regreso á presencialidade. Ao acto, celebrado na Casa das Campás, asistiron o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres; e os profesores Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, como coordinadores de AuGAL.
O programa desenvolverase en seis sesións a partir do luns 15 de novembro, a través de encontros con recoñecidos profesionais do sector audiovisual que explicarán o proceso de creación e desenvolvemento dunha das súas películas, para a continuación visionala cos asistentes. As dúas longametraxes que se proxectarán no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación serán: Malencolía de Alfonso Zarauza e Cuñados de Toño López, rematadas as dúas neste 2021.
Noutros casos, os profesionais analizarán pezas audiovisuais ou programas de televisión, dos que se ofrecerá unha escolma de fragmentos significativos.
Ao tempo, daráselles visibilidade aos novos creadores con dúas sesións específicas centradas nas curtametraxes: unha delas protagonizada por unha escolla de curtametraxes do catálogo da Xunta Shorts from Galicia 2021, e a outra a través da proxección de curtas feitas polo alumnado da propia facultade no curso pasado.
A matrícula para estas xornadas é gratuíta e as inscricións xa están abertas tanto para o público universitario como para toda a cidadanía.
PROGRAMA DE AUGAL, MASTERCLASS DO AUDIOVISUAL GALEGO
1.ª SESIÓN LUNS 15 NOV. 16.00 | 20.00 h
Como facer unha longametraxe en dúas semanas?
Longametraxe: MALENCOLÍA (Alfonso Zarauza, 2021)
Alfonso Zarauza, produtor, director e guionista
2.ª SESIÓN MÉRCORES 17 NOV. 16.00 | 20.00 h
Do papel á pantalla: desenvolvendo o guión
Longametraxe: CUÑADOS (Toño López, 2021)
Araceli Gonda, guionista
3.ª SESIÓN. LUNS 22 NOV. 16.00 | 20.00 h
Curtametraxe, formato vivo
Escolla: SHORTS FROM GALICIA 2021
(Catálogo de promoción editado pola Xunta)
A LOBA | Iria Silvosa
AUGAS ABISAIS | Xacio Baño
HOMELESS HOME | Alberto Vázquez
OS CORPOS | Eloy Domínguez
LA PENUMBRA | Dani Viqueira
Coloquio coa autora e autores
4.ª SESIÓN LUNS 29 NOV. 16.00 | 20.00 h
Televisión de Galicia, programas en análise: ZIGZAG e DESMONTANDO GALICIA
ZigZag: María Solar, coordinadora dos programas culturais da CRTVG e presentadora do Zigzag Fin de Semana
Desmontando Galicia: Marcos Barrios, produtor e director
5.ª SESIÓN LUNS 13 DEC. 16.00 | 20.00 h
A canteira da FCSC
Visionado das curtas do curso 2020/2021
Comunicación Audiovisual de Pontevedra
Premio á mellor curta
6.ª SESIÓN. MÉRCORES 15 DEC. 16.00 h
CLAUSURA
Conferencia: Valentina, animar en Galicia
Chelo Loureiro, directora de Abano Producións
Entrega de diplomas | 18.00 h
Relacionadas:
-
Augal despide a súa décimo primeira edición premiando ‘O que queda de nós’
Por Redacción |
-
A exitosa serie ‘Hierro’ será analizada na décima edición de AuGAL
Por Redacción |
-
A Máster Class Augal ofrece oito sesións para coñecer desde dentro o audiovisual galego
Por Redacción |
-
A Facultade de Ciencias Sociais alardea de ex estudantes na Master Class Augal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |