40 bailaríns presentarán co Ballet Imperial Ruso coreografías de pezas de Ravel e Tchaikovsky
Por Redacción
Este sábado 22 de xaneiro, o Auditorio de Vilagarcía acolle a actuación do Ballet Imperial Ruso que presenta o espectáculo 'Gran Gala Tchaikovsky e Bolero'. Intervirá neste espectáculo un grupo de vinte alumnas da escola de danza Perla de Arousa, con idades comprendidas entre os 6 e os 10 anos. En total, 40 bailaríns actuarán nesta montaxe.
As pequenas bailarinas representará a anxiños e ananos nalgunhas das coreografías de pezas seleccionadas de 'O lago dos Cisnes', 'O crebanoces' e 'A bela dormente'. Ademais, a compañía rusa ofrecerá o 'Bolero', de Maurice Ravel cun deseño realizado por Kozhenkova. A coreografía para esta peza foi creada por Androsov e estreada en Xapón en 1998, sendo unha das máis demandadas no repertorio do Ballet Imperial Ruso. A compañía formouse en 1994 en Moscova a través da lendaria bailarina Maya Plisetskaya coa dirección de Gediminas Tarandá.
O espectáculo ten unha duración de 105 minutos e é apto para todos os públicos. Comezará ás 20.30 horas do sábado. Aínda quedan entradas á venda para a adquisición anticipada a través de www.ataquilla.com. En caso de non esgotarse previamente, tamén se poderán adquirir a partir das 18.30 horas no despacho de billetes do Auditorio. Os prezos das entradas atópanse entre os 18 e os 22 euros.