Feminismo e artistas "de proximidade" na axenda cultural de Pontevedra do primeiro semestre do 2022
Por Manu Otero
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou este venres a axenda cultural de Pontevedra para os próximos seis meses. Baixo o nome de Telescopio Cultural, o programa inclúe eventos de diversa índole que levarán a cabo no Pazo da Cultura mentres duren as obras de reforma do Teatro Principal.
Explicou a concelleira que a programación se viu condicionada polas obras do Teatro. "Todo o que se puido trasladar ao Pazo, trasladouse", sinalou ao mesmo tempo que recoñecía que a axenda está aberta a cambios e á inclusión novas citas.
O calendario de actuacións está baseado en tres piares fundamentais. Por unha banda, aposta a concellería pola cultura de proximidade con actuacións de artistas e agrupacións pontevedresas e galegas. Pero sen pecharse a eventos de talla internacional.
" Aínda non é ou momento, pero virán artistas internacionais", dixo Fouces remarcando o seu compromiso coa cultura local.
Outro dos eixos sobre os que vira a programación é o feminismo, pois o cartel está cargado de nomes de mulleres entre as que destacan figuras como Mercedes Peón ou Judith Jáuregi.
A terceira parte do programa vira ao redor da programación de continuidade con eventos tradicionais como O Salón do Libro, a Semana da Filosofía ou o Ben Veñas Maio. Con todo, a concellería decidiu este ano apostar por unha disciplina pouco explotada en anos anteriores como a danza.
Ademais, coincidindo co décimo aniversario do Garaxe Hermético, haberá tamén un ciclo dedicado ao cómic entre o 18 e o 20 de maio.
A programación xa está en marcha, pois en xaneiro xa tiveron lugar tres dos eventos que compoñen este Telescopio Cultural.
A axenda continúa coa función de teatro Drop, prevista para este venres a partir das 20.30 horas. As entradas atópanse xa á venda, así como dos espectáculos máis próximos: o concerto benéfico de Mans Unidas, "Othello" de Voadora e o espectáculo de música e danza "Mercedes máis eu".
Relacionadas:
-
Reels de Instagram e Tik Tok irrompen na convocatoria do certame 'Ben Veñas Maio' de 2022
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Petición expresa de colaboración ao Goberno central para ampliar o Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Trío Lepor actúa o luns 31 no auditorio do Pazo da Cultura no ciclo da Sociedad Filarmónica
Por Redacción |
-
O Museo organiza 'Aventaxado feminino', un curso sobre mulleres creadoras do século XX
Por Redacción |