Teatro e música son as principais propostas culturais en Vilagarcía para febreiro
O Concello de Vilagarcía de Arousa presentou a súa programación cultural para este mes de febreiro. Entre as actividades anunciadas atópanse obras de teatro, cine, música e mesmo poesía, ofrecendo oportunidades diversas para todos os gustos.
As funcións comezan este venres e sábado días 4 e 5 da man dos actores Xosé Touriñán e Carlos Blanco co seu espectáculo humorístico "Somos criminais 3", que repiten no Auditorio de Vilagarcía debido á gran acollida que tiveron nas actuacións pasadas. Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles á venda en Ataquilla.com.
Outros plans acollidos no salón de actos do auditorio son a obra de teatro "As que limpan" e os concertos "Un violín na ópera" e a Gala Benéfica Asociación Española contra o Cancro. Este último evento conta coa colaboración da Escola de Danza Perla de Arousa.
Así mesmo, celébrase o Primeiro Concurso de Poesía en Lingua Galega Xaquina Trillo, acto na honra da mestra e escritora vilagarciá que se levará a cabo na sala de conferencias con entrada de balde ata completar aforo.
Para os máis cinéfilos, o programa presenta dúas películas de diferentes épocas no Salón García. O Cine Clube Ádega proxecta "Xinetes da Xustiza" (2020) e "The Knack... e como acadalo" (1965), con acceso libre para socios e entradas de 4 euros por sesión para o resto.
A axenda tamén ofrece un avance de eventos que se realizarán en marzo. O mes seguinte continúa co eixe do teatro, esta vez contempóraneo e para adultos, cunha sesión da obra "Soga e Cinsa" sobre unha caza de bruxas.