O Maratón Fotográfico pola Igualdade regresa a Vilagarcía polo Día Internacional da Muller
O Maratón Fotográfico pola Igualdade regresa ás rúas de Vilagarcía outro ano máis con motivo do Día Internacional da Muller. O obxectivo é incitar á reflexión sobre as desigualdades de xénero a través das imaxes presentadas.
As persoas participantes deberán captar durante esta xornada situacións de desigualdade segundo as tres temáticas propostas no propio día coa finalidade de facelas visibles e concienciar á sociedade da súa existencia. O Maratón dará inicio ás 10:00 horas do sábado 5 de marzo dende o Auditorio e o tempo para tomar fotografías rematará ás 19:00 horas.
Por último, as imaxes serán enviadas por correo electrónico, segundo estipulan as bases da web, aprobadas pola Xunta de Goberno Local.
A partir do 15 de febreiro xa se poderá realizar a inscrición, tamén mediante correo electrónico, mandando a folla dispoñible na web municipal ao enderezo maraton.muller@vilagarcia.gal, ou a través da sede electrónica sede.vilagarcia.gal.
O Concello outorgará un premio dotado con 200 euros á imaxe que mellor ilustre cada temática do certame. Polo tanto, haberá tres premios en total co mesmo valor.
Ao igual que as edicións pasadas, a decisión do xurado expoñerase no acto público de inauguración da exposición dos traballos presentados ao XIV Maratón Fotográfico, que terá lugar o 1 de abril no Auditorio Municipal. As fotografías tamén se divulgarán a través das redes sociais do Concello de Vilagarcía.