A xira por Galicia de Vagos fai escala este sábado en Sala Karma
Por Redacción
O grupo lalinense Vagos continúa este sábado 19 de febreiro na Sala Karma de Pontevedra a súa xira "35 years" por toda Galicia como conmemoración das súas máis de tres décadas sobre os escenarios. De feito son unha das bandas máis veteranas en activo da escena musical galega, desde 1986.
Ademais do concerto, o autor Román Gutiérrez da Silva presentará previamente o libro “Nunca Fuimos Nada. Memorias de un grupo de pueblo (mentira más, mentira menos)” que acompaña ao disco. Unha biografía da banda, escrita desde a retranca, e cunha visión cómica, irónica, sarcástica e moi irreverente na que, como o seu propio autor explica, "conto a historia dun grupo de rock descoñecido para o gran público que nunca tivo a pretensión de ser famoso nin de chegar a nada, e con todo, sendo nada, levamos case 40 anos".
Por iso, subliña, o libro e todos os temas do álbum “son un exercicio de egocentrismo nostálxico no que evidenciamos a perda da xuventude, e na que reivindicamos a parte máis lúdica da nosa mocidade, entre os anos 80 e 90, cando todo era urxente, inmediato, inaprazable, transcendental, e basicamente e dicímolo sen pudor, cumprir co tópico de sex and drugs and rock and roll".
Acompañando a Vagos, tocará previamente o grupo Flip Corale y Los Macabros, que se autodefine como de "MotorFolk" e que está liderado polo incombustible artista galego Arturo Delgado. O espectáculo conta coa participación especial dos artistas Suso Alonso e Ela Von Morton.
Un evento pre Entrodio no que os compoñentes de Vagos, e na súa liña de "directos divertidos, adaptados e adaptables ao momento, situación e público" sortearán entre os asistentes que acudan disfrazados merchandising do seu último disco e varios exemplares do libro "Nunca Fuimos Nada"