Concha Pasamar, Xose Cobas, Paula Carballeira e Enma Pedreira participarán no IV Congreso de Mediación Lectora
Por Redacción
Regresa o formato presencial ao Congreso Internacional de Mediación Lectora, que neste 2022 desenvolverase nas tardes dos xoves 10, 17 e 24 de marzo no salón de actos do Pazo da Cultura, dentro das actividades programadas con motivo do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
'Con moita arte!' será o título da cuarta edición deste evento e ofrecerá conexións con outras manifestacións creativas máis aló da lectura literaria, segundo informan desde a organización do Congreso que promove o Concello de Pontevedra e que conta coa colaboración da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela.
Desde este xoves 24 xa se atopa aberto o prazo para inscribirse nas 120 prazas destinadas a persoal docente, mediadores, estudantes e calquera persoa interesada nesta actividade. A inscrición é gratuíta e debe realizarse, antes do luns 7 de marzo, a través do formulario que se atopa na web do Salón do Libro.
Nesta edición participará o ilustrador Xosé Cobas, encargado de abrir a primeira sesión. Tamén intervirán a polifacética actriz Paula Carballeira; o escritor e docente Txabi Arnal; a escritora e ilustradora Concha Pasamar e a tamén a crítica literaria e mestra María Xesús Fernández.
Esta cita exponse revisar prácticas e estratexias para mediar entre a lectura e a infancia e a mocidade. Nese sentido expoñerán a súa visión Laura Romero, ilustradora e música; os docentes anxos e María Isabel Abelleira; e a escritora Enma Pedreira. Sobre as novas tecnoloxías e as fórmulas para chegar ao novo lector intervirán Galo Martínez e Rubén Carrerizo do Museo do Videoxogo de Cangas; e Paola Migueráns con estratexias didácticas innovadoras.
As intervencións complementaranse con, entre outras actividades, iniciativas sobre a creación e a educación interdisciplinar a través da proposta "Zumaiena, o gozo pola lectura", unha fórmula para fomentar procesos de cambio social.
Relacionadas:
-
Euskal Herria visita Pontevedra para un intercambio cultural no Salón do Libro
Por Raquel Currás Martínez |
-
Música, danza e literatura conforman "as mellores propostas para o público familiar" na programación do Salón do Libro
Por Raquel Currás Martínez |
-
O congreso de mediación lectora do Salón do Libro será virtual e en tres xornadas
Por Manu Otero |