A nova escritora marinense Rea L. López presenta 'Portales en la niebla' no Museo Manuel Torres
Por Redacción
O Museo municipal Manuel Torres de Marín acolle este mércores 9 de marzo ás 19.00 horas a presentación da novela 'Portales en la niebla', da autora local Rea L. López.
A obra preséntase como unha novela de fantasía xuvenil ambientada en tempos actuais. No argumento, unha nova chamada Kinu Horiuchi, que abandona o centro de acollida infantil no que residiu durante sete anos, sofre ataques de criaturas máxicas invisibles para os demais. O seu obxectivo é vivir como unha moza normal e, acompañada da súa mellor amiga, comezará unha aventura para enfrontarse ao destino, en especial despois de coñecer a unha criatura especial.
'Portales en la niebla' ofrece, segundo a súa autora, a viaxe interna e externa dunha adolescente que se move entre a verdade e a maxia. Acompañada da súa amiga enfrontarase aos perigos que lle depara a vida.
Rea L. López, esta nova escritora, defínese como unha marinense que sempre experimentou viaxes a outros lugares a través da ficción, utilizando videoxogos, películas, series e libros, material que se pode apreciar ao longo desta obra.