Aberto o prazo para participar no concurso literario Xaime Illa Couto
Por Redacción
A concelleira de Cultura do Concello de Poio, a nacionalista Raquel Rodríguez, informa de que xa está aberto o prazo para poder participar no Concurso Literario Xaime Illa Couto, impulsado polo Concello xunto coa SCD Raxó.
Tal e como sinala a edil do Goberno local, esta é unha edición especial, xa que "o certame alcanza os 30 anos de vida, consolidándose como un referente literario da bisbarra, no que cada ano se acada un importante nivel de participación". Ademais, Rodríguez lembra que a deste 2022 tamén é unha edición especial ao cumprírense dez anos do pasamento de Xaime Illa Couto.
Como xa é habitual, as modalidades do concurso serán as de poesía e relato curto ou conto. Cada participante poderá presentar un único traballo por categoría, utilizando a lingua galega e con temática libre. Os menores de 17 anos terán que estar empadroados no concello de Poio ou matriculados nalgún dos centros educativos do concello. No caso dos de 18 cara adiante, a participación non terá limitación xeográfica.
O xurado encargado de analizar as obras presentadas estará formado por unha representación elixida a tal efecto por parte do Concello Municipal de Cultura. A entrega de premios terá lugar o 17 de maio, ás 17.30 horas, dentro da programación que a Concellería de Cultura desenvolverá para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle adica a Florencio Delgado Gurriarán.
Tal e como xa viña sucedendo en edicións anteriores, estableceranse ata seis categorías diferentes, en función da idade. As catro primeiras, que abarcan dos 6 aos 15 anos, contarán con premios de 70 euros para os gañadores, mentres que na de 16 e 17 será de 90. O premio para a persoa autora da peza mellor valorada polo xurado en maiores de 18 anos será de 300 euros. Ademais, tamén se fará entrega dun diploma e dun agasallo conmemorativo. O prazo para a presentación dos relatos curtos e poemas finalizará o mércores 20 de abril, ás 14.00 horas.
Por último, a concelleira de Cultura lembra que a entrega dos textos poderá realizarse no Concello de Poio ou mediante envío de correo certificado. Ademais, tamén é posible efectuar a entrega nos centros educativos públicos do municipio e nas sedes das asociacións que forman parte do Consello Municipal de Cultura (SCD Raxó, SCD Samieira, Ateneo Corredoira de Combarro, Asociación Boureante da Seara e Asociación Vides Novas de San Salvador). As bases poden consultarse na páxina web do Concello, así como nos seus perfís oficiais en Facebook e Instagram.