Esta semana comeza a temporada de visitas ás Ruínas de San Domingos
Por Redacción
O Museo de Pontevedra anuncia que o martes 15 de marzo abrirá a tempada de visitas ás Ruínas de San Domingos. Este período de apertura manterase ata o 31 de outubro deste ano.
Segundo indican desde a Deputación de Pontevedra, entrarán en funcionamento as visitas guiadas todos os xoves a partir das 12.00 horas.
O horario habitual de visita será entre as 10.00 ás 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas, de martes a sábados. Os domingos, a apertura limítase entre as 11.00 e as 14.00 horas. Os luns permanecerá pechado, por xornada de descanso, do mesmo xeito que o resto de edificios pertencentes ao Museo de Pontevedra.
A diferenza do pasado ano, a entrada será libre, sen limitacións de capacidade derivadas da pandemia. As únicas límites estableceranse por cuestións de seguridade. Tampouco será necesaria a inscrición previa nin para as visitas libres nin para as guiadas.
Tamén está previsto que, ao longo dos próximos meses, a Deputación teña en funcionamento o audiovisual 3D hiperrealista sobre a construción deste monumento histórico, un convento gótico do século XIV. Para ver a peza visual será necesario ler un código QR e ofrecerá datos sobre a historia e a transformación deste edificio ao longo dos séculos.