Itinerarios no Museo para que as 17 autoras da súa colección de arte sexan "artistas visibles"
Por Redacción
O Museo de Pontevedra comeza este martes unha semana de actividades e contidos para celebrar o Día da Muller, e farao coas visitas comentadas baixo o título 'Artistas Visibles', que se repetirán diariamente ata o venres (ás seis da tarde) facendo un percorrido para visibilizar ás artistas que forman parte das coleccións propias do Museo desde o s. XIX ata o s. XX.
Serán itinerarios de 45 minutos nos que o persoal da Unidade de Educación falará principalmente das dezasete mulleres artistas, catorce pintoras e dúas escultoras que se exhiben nas coleccións permanentes, aínda que en total nos fondos do museo hai obras de máis de oitenta.
As artistas nas que se fará fincapé serán as que están na terceira planta: Julia Minguillón , Maruja Mallo, Mª Victoria de la Fuente, Mª Antonia Dans, Elena Colmeiro, Almudena Fernández,Tatiana Medal, Berta Cáccamo, e Sofía Morales.
Tamén se poderán ver producións femininas na primeira planta (Carmen Babiano) e na segunda (Elvira Santiso, María del Carmen Corredoyra, María Röesset e Carmen Alcoverro). Ademais, na segunda planta do Edificio Sarmiento, dentro da sala dedicada á colección Sánchez-Mesas, poderase coñecer a obra de Juana Francés, Mariña Núñez del Prado, Sofía Morales e Isabel Villar Ortiz de Urbina.
Dende o departamento de Educación do Museo quérese afondar con estas visitas á pregunta "Onde están as mulleres artistas no Museo?", unha cuestión moi presente nos centros de arte de todo o mundo durante os últimos anos co obxectivo de recuperar a memoria das artistas a través de grandes exposicións, actividades monográficas sobre o papel da muller na historia da arte ou aumentando as obras femininas expostas.
As pinturas e as esculturas das artistas permitirán ao público aproximarse ás diferentes correntes artísticas que predominaron en España desde as últimas décadas do século XIX ata principios do 2000. Así mesmo, coñecer as súas traxectorias tamén axuda a saber de primeira man as dificultades que experimentaron cando decidiron consagrar a súa vida á arte: 'Muller e creación plástica: unha carreira de obstáculos'.
Ademais das visitas guiadas, esta semana no Museo de Pontevedra desenvolverase máis programación especial. O mércores día 9 haberá teatro infantil para alumnado de 1º e 2º Curso de Educación Primaria a cargo de Compañía Eléctrica trae o espectáculo Carabranca. Xa pola tarde impartirase o curso de arte de Carolina Munáiz 'Aventaxado feminino. Creadoras do século XX' que ten todas as súas prazas esgotadas.
O xoves 10, ás sete da tarde, celebrarase unha conversa entre mulleres creadoras baixo o título 'Aínda queda moito ferro!!!',un coloquio no que participarán mulleres do mundo das artes plásticas, algunhas cunha longa traxectoria e outras dando os seus primeiros pasos (Sara Sánchez, Soledad Penalta e Basilisa Fiestras), que analizarán a situación da muller no mundo das artes con Carmen Hermo como moderadora.
Finalmente, o venres 11 ás 19 horas terá lugar a representación de 'Matrioskas', teatro para adultos con Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, "dúas mulleres cantando e contando sobre mulleres. Todas feitas da mesma madeira. Todas vestidas de cores. Todas elas, grandes e pequenas, con historias para contar e cos desexos agochados no ventre", segundo explica a sinopse da peza da compañía 'Charlatana'. É precisa inscrición previa en reservas.museo@depo.gal.
Relacionadas:
-
Sesión dedicada á artista francesa Louise Bourgeois no Edificio Castelao
Por Redacción |
-
Esta semana comeza a temporada de visitas ás Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
'Artistas Visibles' ou como visibilizar a mulleres que non están escondidas, pero non se ven
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dennise Vaccarello expón o seu traballo "Ídem de ídem" na Fundación RAC
Por Redacción |
-
'Mulleres': un ciclo de cine feminista solidario coas persoas refuxiadas de Ucraína
Por Raquel Currás Martínez |
-
Luxo burgués, alta sociedade e culto á moda na Pontevedra do XIX na exposición sobre as moradoras do Palecete das Mendoza
Por Redacción |
-
Unha semana de actividades no Museo polo Día da Muller
Por Redacción |
-
'De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano', unha exposición para revivir a historia de tres mulleres célebres en Pontevedra
Por Raquel Currás Martínez |