Luxo burgués, alta sociedade e culto á moda na Pontevedra do XIX na exposición sobre as moradoras do Palecete das Mendoza
Por Redacción
O luxo burgués e a alta sociedade pontevedresa, as influencias orientais no chalé dos Méndez-Núñez, ou o culto á beleza, a moda e os complementos son os eixos que centran a exposición ‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra’ inaugurada hoxe no Museo de Pontevedra e que permanecerá aberta ata o 24 de abril.
Segundo o director do Museo Xosé Manuel Rey, visitar a mostra “é unha ocasión única” non só para ver pezas centenarias pertencentes aos fondos do Museo inéditos ata o de agora, senón “para coñecer a realidade das tres mulleres ás que a súa posición social lles brindou oportunidades das que careceron a maioría das súas coetáneas”.
A mostra amosa as vivencias de tres mulleres dunha das familias burguesas máis coñecidas de Pontevedra, a Méndez-Núñez, nunha viaxe no tempo a unha historia relativamente recente da cidade: finais do século XIX e principios do XX. Trátase das últimas moradoras do Palacete das Mendoza -Carmen e as súas fillas Concha e María-, que tiñan un grande gusto pola música e os idiomas e eran anfitrioas de continuas veladas culturais e intelectuais.
Comisariada polas conservadoras do Museo Reis Camiña, Beatriz de San Ildefonso e Natalia Fraguas, a exposición amosa un novo discurso sobre as familiares do recoñecido mariño Casto Méndez Núñez, ao que durante moitos anos o Museo dedicou algunhas das súas salas nos edificios centrais que hoxe están en proceso de rehabilitación. As investigadoras, de feito, centráronse no papel que xogaran as mulleres na familia e por extensión na sociedade na que lles tocou vivir.
Moitos dos fondos que se exhiben tiveron que ser restaurados para recuperar o seu esplendor orixinal. Teñen grande importancia os moitos retratos das tres mulleres feitos polos principais fotógrafos da época (tanto de Pontevedra –Zagala ou Pintos- como de gabinetes de Madrid e doutras grandes cidades ás que viaxaban), as obras de arte, os obxectos persoais (nos que a moda e os seus complementos están moi presentes), os seus libros e as revistas e, sobre todo, a correspondencia persoal (as cartas en francés, alemán e inglés que foron traducidas).
Todo isto, xunto coa axuda e relatorios dalgúns dos familiares máis próximos, de persoas que as coñeceron, e dos descendentes dos que foron os seus amigos persoais, permitiu reconstruír as súas vidas.
Segundo explicou Natalia Fraguas, Carmen Babiano (a nai) chegou a ser recoñecida publicamente como pintora e tamén pola súa dote para a música, unha educación que transmitiu ás súas fillas Concha e María no escenario principal da súa vida, o edificio que hoxe se coñece polo nome do Palacete das Mendoza, actual sede do Padroado de Turismo Rías Baixas.
“Alí pasarían os mellores anos das súas vidas, continuando coas veladas musicais, recibindo aos máis destacado da cultura e a sociedade e ao seu amplo, variado e importante círculo de amizades tanto nacionais como estranxeiros, algo posible grazas ao dominio que tiñan de varios idiomas”, apuntou a comisaria.
Outra das comisarias, Beatriz de San Ildefonso, explicou que polo Palacete pasaron figuras como Manuel Quiroga, Casto Sampedro, os músicos Enrique Salgado e Enrique Curbera, Joaquín Novoa, Echegaray, a viúva de Valle-Inclán, diferentes integrantes da familia Sobrino, pero tamén o cónsul británico Cameron Walker, profesoras de alemán chegadas de Portugal cando a gran colonia alemana se trasladou a España pola Gran Guerra, militares –sobre todo mariños- ingleses e alemáns, ou figuras como a do enxeñeiro químico da fábrica de xabóns de A Toxa, un austríaco que xunto á súa muller era asiduo das veladas no chalé.
Ademais da exposición, o Museo ten a disposición do público un catálogo sobre os fondos relacionados con Carmen Babiano Méndez-Núñez e María e Concha Mendoza Babiano, froito dun longo proceso de investigación e que se converterá en memoria da mostra temporal. “Os dous volumes dos que consta o catálogo serán unha fonte imprescindible para o coñecemento das nosas tres protagonistas e da época na que viviron, un momento especialmente importante na historia desta cidade”, apuntou o director Xosé Manuel Rey.
Para coñecer a mostra de maneira diferente o Museo vén de organizar tamén visitas teatralizadas que comezarán este sábado e se repetirán todos os sábados en dúas quendas (17.30 e 19.00 horas). Haberá que reservar praza con anterioridade xa que a capacidade é limitada a 20 persoas por quenda. Quen estea interesada deberá enviar un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.
Relacionadas:
-
Este xoves comezan as visitas guiadas á exposición 'De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano'
Por Redacción |
-
Itinerarios no Museo para que as 17 autoras da súa colección de arte sexan "artistas visibles"
Por Redacción |
-
'De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano', unha exposición para revivir a historia de tres mulleres célebres en Pontevedra
Por Raquel Currás Martínez |
-
O Museo lembrará dúas xeracións de mulleres pontevedresas na mostra 'De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano'
Por Redacción |