A última xira de Bunbury, un dos grandes atractivos das Festas de Verán de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Catro meses quedan aínda para as Festas de Verán pero xa coñecemos a un dos grandes atractivos que, en materia musical, incluirán os festexos estivais de Pontevedra.
Bunbury, un dos artistas máis coñecidos do panorama nacional, regresará á cidade. Farao por última vez. O ex líder de Héroes del Silencio, que anunciou recentemente a súa retirada dos escenarios por problemas de saúde, actuará en Pontevedra o venres 12 de agosto. Será, por tanto, un 'aperitivo' ás Festas da Peregrina, que comezará ao día seguinte.
Catro anos despois de actuar na Praza de España, Bunbury volverá pisar a cidade dentro da xira que denominou "El Último Tour", coa que pretende despedirse do seu público tras máis de trinta anos dunha exitosa carreira profesional. Será cun concerto de pago que se celebrará na chaira do Pazo da Cultura.
Esta xira arrancará o próximo 3 de maio en Chicago e concluirá o 24 de setembro en Valencia.
O de Pontevedra, segundo a programación prevista, será o seu único concerto en Galicia.
A "meditada e consciente" retirada de Enrique Bunbury dos escenarios débese, segundo o mesmo aclarou, a problemas de saúde localizados na súa garganta, un malestar que levaba anos arrastrando e que "me custou moito localizar e comprender".
Aínda que o parón das xiras internacionais pola pandemia fíxolle pensar que se curara, o artista afirma que ao retomar a súa intensa axenda "confirmou e adiantou unha decisión que sabía próxima", a pesar das ganas que mantiña de seguir dando concertos.
A partir de agora, tras esta xira de despedida, Bunbury asegura que tentará seguir compoñendo cancións e gravando discos, aínda que non os poida interpretar en directo, ademais de dedicarse a outras facetas creativas como a poesía e a pintura.
Relacionadas:
-
Bunbury suspende a súa xira de despedida e non actuará en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O Xacobeo organizará festivais en Pontevedra e Sanxenxo e unha gala musical en Marín
Por Alejandro Espiño |
-
Bunbury, o home delgado que entusiasmou a milleiros de seguidores en Pontevedra
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |