A Aula de Música Tradicional do campus actuará na Ferrería co grupo de gaitas Os Melidaos
Por Redacción
O alumnado da Aula de Música Tradicional do campus de Pontevedra protagonizará o próximo xoves 24 de marzo, a partir das 19:30 horas, o seu Concerto de Primavera, no que acompañarán ao grupo de gaiteiros Os Melidaos en dúas das súas pezas.
No caso de chuvia, o concerto trasladarase á Escola de Enxeñaría Forestal.
Promovida coa colaboración do Concello de Pontevedra, esta actuación insírese no obxectivo da aula, creada no ano 2017, de " dar o salto á cidade", segundo explicou o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, na presentación deste concerto.
Baixo o título de Clásicos da terra, este concerto terá como protagonistas a Os Melidaos, un grupo de sete gaiteiros que suman este instrumento ás súas voces na interpretación tanto de pezas populares como de autoría propia.
O músico Suso Vaamonde detallou que este concerto centrará boa parte do seu repertorio en Tribo Nosa, o último disco do grupo de gaiteiros nacido en 2001 en Melide de man de músicos de diferentes xeracións.
Non obstante, tamén haberá espazo para composicións que formaron parte do anterior disco dos Melidaos, Festa na Codeseira (2015), así como "para algunha proposta nova que teñen preparada para o seguinte disco".
Os doce integrantes do grupo de acordeóns e ocarinas da aula sumaranse á interpretación da Foliada de Amoeiro, mentres que unha parte deste grupo, xunto cos de gaitas e percusión tocarán posteriormente xunto cos Melidaos o Pasodobre de San Roque.
"Para nós é importante tomar as rúas, saír dos espazos da universidade e darlle un pouco de visibilidade á actividade", salientou Vaamonde, que adiantou que, tras este concerto, proxéctase que a aula poida actuar en prazas de Pontevedra no mes de xuño.
Esta serie de actuacións terían lugar os luns 6, 13, 20 e 27 e prevese que este grupo de alumnos poida contar coa colaboración do coro universitario do campus de Vigo e dun grupo de danza da Universidade de Santiago de Compostela.
Nese mesmo obxectivo, a Casa das Campás acollerá o vindeiro luns 28 de marzo a presentación do libro O toque pechado, do gaiteiro Pablo Seoane.
Nunha actividade programada tamén para as 19.30 horas e aberta ao público ata completar aforo, este músico dará a coñecer unha publicación na que reúne unha escolma de exercicios específicos para tocar pechado, así como máis dun centenar de partituras tradicionais.