O FICBueu presenta a súa nova imaxe inspirada no cinema e a cultura galega
Por Redacción
FICBueu, que se celebrou por primeira vez en 2007, presenta para a súa décimo quinta edición unha nova imaxe que mantén a esencia do festival e que a dota, á súa vez, dun novo simbolismo, estreitamente ligado ao seu ámbito de actuación, o cinema, e á cultura galega.
A pesar de que continuará centrándose nas curtametraxes, o FICBueu pasará a denominarse Festival Internacional de Cinema de Bueu, abarcando así todas as actividades que leva a cabo e non só aquelas relacionadas co formato curto.
A isto hai que sumarlle o novo deseño realizado por Uqui Permui, que aúna o carácter do FICBueu, dando paso a un logotipo máis actual vinculado non só co cinema, senón tamén coa xeografía de Bueu a través das súas formas redondeadas.
Xunto con estes cambios, tamén chega unha nova tipografía deseñada por Marcos Dopico, a ‘Isaac Sans’. Esta nova fonte debe o seu nome a todo un referente dentro da arte galego como é Isaac Díaz Pardo, estando inspirada en Sargadelos e no Laboratorio de Formas de Galicia, cun estilo funcional baseado na tradición galega.
Estes tres cambios renovan por completo a imaxe do festival dando paso á décimo quinta edición, que se celebrará do 11 ao 24 de setembro e que virá cargada de novidades no programa que se irán desvelando co paso dos meses.
Mentres tanto, o prazo de inscrición para a edición de setembro de 2022 continúa aberto ata o 23 de abril, podendo presentarse á convocatoria todas aquelas obras estreadas a partir do 1 de xaneiro de 2021 e que teñan unha duración máxima de 30 minutos. Para máis información, as bases pódense consultar tanto na pestana de información da web do FICBueu como na plataforma ShortFilmDepot.