Bueu celebrará o Día da Poesía cun concerto de Alberto Cunha
Por Redacción
O Concello de Bueu organiza o próximo sábado, 26 de marzo, o concerto ‘Escolma aberta’ a cargo de Alberto Cunha, que terá lugar no Centro Social do Mar ás 20.30 horas.
Esta actividade, programada con motivo da celebración do Día da Poesía, pretende ensinar ao público unha combinación entre música, poesía e pintura, coa que se homenaxea á cultura galega.
Cunha duración de noventa minutos, Alberto Cunha interpretará doce temas baseados en recoñecidos poemas galegos de todos os tempos, como “Mentres eu peno” e “Campanas de Bastabales” de Rosalía de Castro, “Camiño longo” e “A Rosalía de Castro” de Ramón Cabanillas, “Moraima” e “Monólogo do vello traballador” de Celso Emilio Ferreiro, “A dama que ía no branco cabalo / O cabaleiro da pruma na gorra” e “Quen poidera namorala” de Álvaro Cunqueiro, “O vello i o sapo” de Manuel Curros Enríquez, “Volvín a terra pro perdín o amor” de Bernardino Graña, “Os corpos” de Alfredo Conde, e “Noiturno do adoescente morto” de Ramón Cabanillas.
Todos estes poemas foron interpretados anteriormente por músicos como Luís Emilio Batallán, Suso Vaamonde, Amancio Prada, Xoán Rubia, Os Tamara, Juan Pardo ou Vicente Araguas, e agora é Alberto Cunha o que lles dá unha nova voz.
‘Escolma aberta’ concíbese, pois, coma un proxecto artístico da editorial Elvira que ensambla tres disciplinas, e por iso se inicia cun limiar do poeta vigués Antonio García Teijeiro. Despois, as ilustracións de Ramón Trigo acompañan cada unha das reflexións de Jacobo Buceta, Javier Ferreiro, Moncho Lemos, María Lado, Ledicia Costas, Pati Blanco, Noelia Otero, Eduardo Rolland, Clara do Roxo e Antonio García Teijeiro.
A actividade será con entrada de balde ata completar o aforo.
Relacionadas:
-
O IES Luís Seoane celebra o Día Mundial da Poesía e a chegada da primavera cun poema adicado a Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
O Salón do Libro chega o seu ecuador cargado de actividades para todos os públicos
Por Redacción |
-
Poesía, música e danza, na presentación do catálogo sobre a exposición 'O Camiño e as artes'
Por Redacción |