Camerata Arven rompe barreiras entre público e artistas
Por Redacción
Afundación, en colaboración coa Camerata Arven, desenvolverá na súa sede de Pontevedra o ciclo de concertos "Do silencio á emoción", cuxo propósito é invitar a descubrir a música clásica dun xeito diferente, rompendo barreiras entre público e artistas, cunha programación integrada noutras artes escénicas como a danza, a pintura, a literatura ou o teatro.
Á presentación deste ciclo asistiron Javier Morgade Dobaño, membro fundador de Camerata Arven; Diego Landín, director do Ballet de Galicia; Marc Taeger, debuxante; e Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación.
Segundo explicaron, ao inicio de cada concerto farase un breve repaso sobre a historia do repertorio dunha maneira próxima que permita desfrutar moito máis do que a continuación se escoitará e no cal o público poderá participar preguntando calquera curiosidade sobre a música, os instrumentos ou a agrupación.
A outra novidade de achegar a música ao oínte é dunha maneira máis literal, e será dando a oportunidade a un grupo de persoas de compartir escenario coa propia agrupación, podendo vivir a experiencia de sentar tan preto que poderá ter contacto coa partitura, a agrupación e o resto do público.
E todo iso, con catro concertos programados, o primeiro dos recitais terá lugar o 24 de marzo ás 20.30 horas no Auditorio de Afundación Pontevedra.
Desde a Camerata Arven, Dobaño destacou que "hai moita xente a quen lle gusta a música clásica, pero aínda non o sabe. É é porque ás veces parece elitista, por iso precisamos romper esa barreira". Nesa visión participativa incidiu Marc Taeger: "As intervencións coa música permiten saír do traballo do ilustrador e ser parte da banda. Estarei debuxando en tempo real e o público vai poder seguir todo o traballo de preto, sobre o papel, xa que teremos unha cámara cenital".
E esta multidisciplinariedade compleméntase coa danza. "Bailar con músicos en directo é moi especial. A nosa principal función é achegar o ballet a todos os públicos. Ás veces vendo danza créase unha distancia e non se entiende o que se ve. No espectáculo comezaremos cun baile sinxelo e evolucionaremos ata o profesional, para ver a danza desde todas as perspectivas", comentou Diego Landín.
Marité Cores, pola súa parte, subliñou "a relevancia para Afundación dun ciclo orixinal e arriscado, e á vez necesario para romper as barreiras ou prexuízos cara á música considerada clásica ou culta, utilizando como ferramenta as artes escénicas e visuais".
Ademais, este evento enmárcase no programa "Cultura por alimentos" co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, polo que se invita a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital coa súa entrada e unha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.
"Do silencio á emoción"
No primeiro desdes concertos, a Camerata Arven e o Ballet de Galicia (Diego Landín) farán desfrutar a través da música e a danza do Carnaval de los animales. No segundo poderase desfrutar da estrea de Anrewerna Obertura, dedicada á Camerata Arven, do compositor Rubén Martínez Varelles, ademais da Sinfonia n.º I, de G. Mahler, en versión de 14 instrumentos, baixo a dirección do mestre David Fiuza. O terceiro será un programa para mozos de 0 a 100 con, entre outras, obra como O neno de pao (Toni Cantal), un conto baseado na historia de Pinocho con debuxos en vivo realizados polo artista Marc Taeger. No último concerto do ciclo sacarase á luz a incrible música de cámara dos grandes compositores no esquecemento da programación das grandes producións e que, paradoxalmente, son a esencia da música.