Varias disciplinas artísticas únense no ciclo 'Del silencio a la emoción' para redescubrir a música clásica
A Obra Social de ABANCA, Afundación, colabora coa Camerata Arven para o ciclo de concertos 'Del silencio a la emoción', cuxo propósito é o redescubrimento da música clásica dun xeito diferente e a fusión da mesma con outras artes como a danza, a pintura, a literatura ou o teatro.
Son catro os concertos planificados nas datas 24 de marzo, 24 de abril, 26 de maio e 12 de xuño no Auditorio Sede Afundación, aptos para todas as idades. Os programas 1 e 3 teñen lugar os xoves ás 20:30 horas, mentres que os programas 2 e 4 realízanse en fins de semana ás 12:00 horas, xa que están orientados cara un público familiar.
Para eliminar os estigmas arraigados ao xénero musical, antes de cada concerto, o acto será explicado de maneira accesible e sinxela polo director ou algún membro da orquestra, que estarán abertos a preguntas da audiencia en caso de dúbidas.
No plano físico, as persoas asistentes terán a posibilidade de integrarse nas actuacións dos programas 1 e 3 grazas á disposición de cadeiras no escenario, o mesmo espazo no que estarán os membros da banda. Desta forma, procúrase traspasar a cuarta parede.
Javier Morgade Dobaño, membro fundador de Camerata Arven, demostrou durante a presentación do ciclo a súa emoción por achegar a música sinfónica a todos os públicos, destacando que a súa "labor como músicos é a de crear a necesidade de acudir a concertos".
A conxunción multidisciplinar está presente en obras como 'O neno de pau', onde participan o compositor galego Tony Cantal, a narradora Carmen Méndez e o debuxante Marc Taeger, quen se declarou "encantado de que se hagan este tipo de fusiones que permiten vivir la música de otra manera".
A obra divídese en seis escenas, nas que Taeger contará con cinco minutos para cada debuxo mentres que unha cámara cenital grava todo o proceso a tempo real. Empregará papel e pintura, pois defende o interese de que as crianzas vexan que poden traballar coas mans sen necesidade de dispositivos dixitais.
O peche de estes eventos vén da man de 'El Carnaval de los animales', en colaboración co Ballet de Galicia, dirixido por Diego Landín. A peza comeza con estudantes de ballet principiantes e vai representando o crecemento ata rematar con bailaríns profesionais na morte de 'El cisne'. Está dividida en varios movementos, como 'El elefante' ou 'Canguros', cada un relacionado cun animal e unha emoción, tanto negativas como positivas, que o público deberá asimilar, segundo indica Landín. Como fío condutor, un bailarín e dous axudantes conectarán todos estes movementos.
Estes recitais forman parte do proxecto 'Cultura por alimentos', que promove o troco de servizos culturais por produtos alimenticios de primeira necesidade. De acordo coa coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, preténdese continuar con este plan polo menos durante o resto do ano.
As entradas para cada un dos catro programas están dispoñibles en ataquilla.com a partir de 5 euros, aos que hai que sumar os gastos de xestión.
Relacionadas:
-
Nonetos de Farrenc e Lachner, en Pontevedra
Por Redacción |
-
"Generación Sésamo" leva ao escenario de Afundación os acordes da infancia dos nados nos 80 e 90
Por Redacción |
-
Camerata Arven rompe barreiras entre público e artistas
Por Redacción |
-
A Asociación de bailaríns de Marín recauda fondos para poder participar na Gran Final Mundial en Florida
Por Raquel Currás Martínez |
-
Afundación achega o teatro educativo ás aulas dos centros de Pontevedra
Por Raquel Currás Martínez |