O milagre sucedido en Caldas de Reis que recolleu Alfonso X O Sabio
Por Redacción
O Concello inicia este venres unha serie de actividades para divulgar e poñer en valor a Cantiga de Santa María 104 do rei Alfonso X, que narra un milagre sucedido en Caldas de Reis.
O profesor Miguel Fariña, impartirá este venres ás 20 horas unha conferencia no Auditorio Municipal sobre "A Música medieval no Camiño de Santiago: Caldas de Reis nas Cantigas de Alfonso X o Sabio".
O caldense Miguel Fariña entrou en contacto coa música medieval en 1979 formando parte do Grupo Universitario de Cámara da Universidade de Santiago de Compostela, e en 1993 fundou con Fernando Olbés o Grupo Martín Códax, de grande traxectoria musical e que aínda hoxe está en activo. Foi profesor de Historia da Música do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, do que tamén foi director.
O Concello de Caldas de Reis incorporouse recentemente na "Comisión de Pueblos y Ciudades Alfonsíes" creada pola Federación Española de Municipios e Provinciasl (FEMP) con motivo do oitavo centenario do nacemento do rei Alfonso X.
A través desta comisión o Concello pretende dar a coñecer o vínculo de Caldas de Reis coas Cantigas de Santa María e divulgar a Cantiga 104 entre a veciñanza, os visitantes e os peregrinos.
A concelleira de Cultura, María López, destaca que con esta iniciativa "queremos dar a coñecer un patrimonio literario, musical e pictórico moi importante de Caldas de Reis pero pouco coñecido ata agora, e a conferencia de mañá é unha grande oportunidade para achegarnos a esta obra".