Os Premios Mil Primaveras recoñecen a achega do proxecto 'Cantámola en galego' de Pontevedra á normalización lingüística
Por Redacción
Os Premios Mil Primaveras cos que a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua recoñece proxectos, accións e campañas modélicas para o traballo en normalización lingüística chegan este ano a Pontevedra. En concreto, na súa edición 2021, conceden o galardón na categoría de proxecto novo á campaña 'Cantámola en galego', do Servizo de Normalización Lingüística pontevedrés.
A CTNL recoñece este proxecto porque aborda a necesidade de visibilización da música en galego de todos os estilos e por estar especialmente dirixido á mocidade.
O proxecto desenvólvese en diferentes formatos, desde exposicións de diferentes tamaños a listas de reprodución e vídeos, e desde a Coordinadora destacan que é unha iniciativa exportable a outras entidades.
O xurado valorou tamén que sexa un proxecto que dialoga co ensino, facéndolle chegar recursos (entre eles, unha unidade didáctica) para que os centros educativos traballen co alumnado a riqueza musical en galego e asocien a lingua a un ámbito de gran valor para eles.
Esta edición recoñece programas que potencian a implicación das persoas destinatarias: familias, usuarias das redes sociais, alumnado ou educadoras/os. Son proxectos que buscan asociar a lingua con valores positivos e atractivos e que procuran aumentar a presenza da lingua no ámbito do lecer.
O premio ao mellor proxecto estabilizado foi para 'Do berce á rúa', que desenvolve desde 2010 o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón.
O premio á mellor comunicación e impacto foi para dous proxectos relacionados entre si: Twitter en galego e Instagram en galego.
O premio ao proxecto máis innovador foi para 'Somos xogo', de Xandobela. Educación e Cultura.
O premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade recaeu no proxecto escolar Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.
O premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial concedeuse a 'Media laranxa'.
Relacionadas:
-
Os Premios Mil Primaveras entréganse en Santa Clara reivindicando que "salten as alarmas" co galego
Por Redacción |
-
Santa Clara acollerá a gala de entrega dos Premios Mil Primaveras
Por Redacción |
-
Gustavo Almeida ou a exposición 'Cantámola en galego', finalistas dos VIII Premios Martín Códax da Música
Por Redacción |
-
A mostra 'CantáMOLA en galego' percorrerá os centros de ensino de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Praza de Ourense acolle unha mostra recompilatoria da evolución musical: 'Cantámola en galego'
Por Redacción |