Concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia dentro do programa 'Cultura por alimentos'
Por Redacción
O auditorio da Sede Afundación de Pontevedra, situado na praza de San Xosé, acollerá o xoves 28 de abril a partir das 20.30 horas o concerto a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia, organizado pola Sociedad Filarmónica de Pontevedra e a Obra Social de Abanca.
As entradas para o espectáculo, para aquelas persoas que non son socias da Sociedad Filarmónica, atópanse á venda a través de Ataquilla.com, a partir de 15 euros. A actuación forma parte do programa solidario 'Cultura por alimentos' que promove Afundación en colaboración coa Federación española de Bancos de Alimentos. Desta forma, todas as persoas asistentes poderán colaborar acudindo á gala musical cunha doazón de alimentos non perecedoiros, que serán recolleitos no propio auditorio.
A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) presentará un programa, dirixido polo mestre Víctor Pablo Pérez, integrado pola Sinfonía en re menor, de Cesar Franck; e O fillo pródigo (escena lírica ou cantata nun acto para soprano, tenor e barítono), de Debussy. Nesta peza participarán como solistas Raquel Lojendio (soprano), Mauro Peter (tenor) e Gabriel Bermúdez (barítono).
A OSG naceu en 1992 no Concello da Coruña e a súa sede atópase no Palacio da Ópera. A formación foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro entre 2003 e 2005; e tamén do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación no ano 1998.
Relacionadas:
-
A Orquestra Sinfónica de Galicia actúa este xoves en Pontevedra
Por Redacción |
-
Concerto do grupo de música antiga La Guirlande no Liceo Casino dentro do programa da Sociedad Filarmónica
Por Redacción |
-
A Sociedade Filarmónica de Pontevedra trae ao Cuarteto Quiroga ao Pazo da Cultura
Por Redacción |